Metro presenta a exposición solidaria ‘Confinados’

A galería de arte compostelá inaugura hoxe unha mostra na que 20% das vendas destinarase a axudar a paliar algunhas das necesidades sociais xurdidas por mor da crise económica causada pola pandemia.

Cartel da exposición 'Confinados' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cartel da exposición 'Confinados' (Foto: Nós Diario).

...e todo se parou. Incluída a arte. Encérrannos. Encerrámonos. O noso mundo reduciuse a catro paredes e á xanela de Google. Medo. O inimigo é invisible, e pode estar en calquera lugar. Incerteza. Canto tempo. E despois que.  Preocupación. Custa arrincar. Mais tamén reflexionamos sobre o realmente importante e cuestionamos o noso papel nunha sociedade globalizada marcada por fráxiles equilibrios económicos, sociais, ecolóxicos e políticos. Fixémonos máis solidarios e  empáticos. Aplaudimos. Resistimos. Sabemos que é cousa de todas que a vida volva ao seu modo. 

Para contribuír a seguir “mirando cara adiante”, a galería de arte Metro, situada na compostelá rúa de Xeneral Pardiñas, inaugura hoxe unha exposición que se presenta “como un relato que ilustra un momento histórico extraordinario”, pois conta mediante imaxes todo aquilo que non poden contar as palabras.

Esta mostra abre unha porta ás sensacións vividas por Ana Pérez Ventura, Sebas Anxo, Paula Vinceti, Federico Granell, Xavier Cuiñas, Lúa Gándara, Xaquín Chaves, Lito Portela e outros moitos artistas durante o confinamento, subliñando o papel da creación artística nos momentos máis críticos, que, como se viu durante estas semanas de illamento, supuxo un importante soporte emocional para as súas vidas e as de todos.

Pintura, escultura ou fotografía creadas nas súas propias casas danse a man cun fin solidario, pois 20% das vendas destinarase a axudar a paliar algunhas das necesidades sociais xurdidas por mor da crise económica causada pola pandemia.

Comentarios