O metal volta a Viveiro este agosto cun Resurrection Fest “Limited”

Kreator, While She Sleeps ou Bala serán algúns dos moitos grupos que actuarán este verán en Viveiro, nunha edición “limited” do Resurrection Fest, para un número de público “moi” reducido. Os abonos sairán á venda esta semana.

Concerto de Gojira no Resurrection 2019 (Foto: Resurrection Fest)
photo_camera Concerto de Gojira no Resurrection 2019 (Foto: Resurrection Fest)

Finalmente este verán si haberá Resurrection Fest. “Aos poucos vemos a luz ao final do túnel, e este verán, a pesar da situación en que vivimos, demostrouse que a cultura é segura con centos de concertos en todo o país e sen incidencias”, sinalan nun comunicado desde a organización do festival.

Por iso os organizadores decidiron levar adiante “un pequeno Resurrection Fest” ao que denominan “limited” por contar cunha capacidade de público moi reducida en comparación con outros anos. Así pois haberá de novo concertos na Mariña nun festival que quere servir de “estímulo para a economía local que tanto sufriu durante todos estes últimos meses, sendo un reforzo moi necesario para a nosa localidade, Viveiro, e a súa xente, que tanto nos dá cada ano, e tamén para todo o persoal, autónomos e outras pequenas e medianas empresas que fan posíbel o festival”, afirman no comunicado.

Serán tres días de concertos, do 26 ao 28 de agosto, no recinto habitual, o Campo de fútbol de Celeiro. Sinalan ademais que se contará con todas as medidas de seguridade e prevención posíbeis seguindo a lexislación vixente actual e “sempre atendendo á situación epidemiolóxica na que nos atopemos nese momento”.

Esas medidas serán público sentado, capacidade reducida, distancia social, máscaras, desinfección...

O escenario do Resurrection Limited acollerá os concertos de Kreator, While She Sleeps (único concerto no Estado), Eluveitie, Jinjer, Destruction, The Ocean, Angelus Apatrida, Crisix, No Turning Back, Landmvrks, Bala, Devil In Me, Aphonnic, True Mountains e Bellako

Os abonos de tres días poderán comprarse desde esta sexta feira, 6 de agosto, a un prezo especial de oferta que a organización do evento indicará nos próximos días na súa web e redes sociais.

E para quen non poida asistir e tras o éxito da anterior edición, realizarase un Resurrection Fest En liña en datas futuras ao festival do cal informarán máis adiante. Dese modo, tanto as e os asistentes como os non asistentes poderán gozar do festival.

Comentarios