A Mesa reclama en Xenebra que se abra un procedemento de infracción contra España por discriminación lingüística

A Mesa leva a Xenebra casos “moi concretos e moi graves” para demostrar a discriminación lingüística que padecen as persoas falantes en galego. Perante as Nacións Unidas esixe que se respecten os seus  dereitos e solicita que se lle abra un expediente de infraccións a España.  A embaixadora de España obviou a denuncia da Mesa e negou, en xeral, a existencia de discriminación. 

mesa
photo_camera mesa

A Mesa , canda outras entidades que forman parte de ELEN, denunciou perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU a discriminación contra as linguas oficiais distintas do español no marco do 29ª Exame Periódico Universal do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que se desenvolveu esta quinta feira en Xenebra. En turno de réplica, a embaixadora de España perante a ONU negou a existencia de discriminacións mais non se referiu en ningún momento de xeito explícito á cuestión lingüística. "Está claro que se refería a nosa acusación mais optou por eludir o tema da lingua e afirmar só que non hai ningún tipo de discriminacións. Os casos concretos que recollemos no informe que se presentaba deixan á vista que a realidadade non é esa", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceiras. 

Maceiras defendeu no marco da xuntanza que a discriminación contra linguas oficiais distintas do español “é completamente inaceptábel e debe cesar de xeito inmediato”. “Viñemos denunciar casos moi graves, que vulneran calquera principio democrático e de respecto pola dignidade dos pobos e das persoas que os compoñen, que teñen lingua propia e a quen non se lles permite exercer dereitos cidadáns e humanos elementais se o fan na súa lingua”, sinalou Maceira que se referiu, en concreto, ao caso dun doente ao que se lle atrasou case dous anos unha operación cirúrxica ao esixir asinar a autorización en galego. O caso será xulgado o 21 de xullo tras ser admitida a trámite a denuncia do doente que, ao non se lle querer dispoñibilizar en galego o impreso até meses despois padeceu un agravamento do seu estado de saúde. 

As normas que España infrinxe

“Casos coma este ou persoas ás que se lle rexeita en entrevistas de traballo o dereito fundamental de se expresaren na súa lingua, desatención, insultos e ameazas por parte dos corpos de seguranza do Estado, deben ser coñecidos pola comunidade internacional porque quen despreza a lingua dun pobo está a desprezar un pobo e iso é racismo”, sinalou o presidente de Mesa mentres esixiu os mesmos dereitos para as persoas galego falantes que para unha cidadá de “Albacete, Lisboa ou Bonn”. 

A Mesa e ELEN reclamaron así do Consello de Dereitos Humanos da ONU que tome medidas de inmediato e chame á orde ás autoridades españolas para garantir o cesamento da discriminación lingüística coas persoas que falan idiomas propios en territorio estatal. Reclamaron a apertura por parte da UE dun procedemento de infracción contra España por infrinxir as normas da UE contra a discriminación, entre elas, a Carta dos Dereitos Fundamentais ou a Directiva sobre igualdade e outras medidas como a Carta Europea das Linguas. 

Comentarios