luns 25/10/21

A Mesa apoia a continuidade de Planeta Furancho

A Mesa pola Normalización Lingüística esixe que a CRTVG responda a súa obriga de difundir a produción musical en galego e por iso apoia a continuidade do programa Planeta Furancho e convida a participar na concentración convocada para esta quinta feira ás 20.30 horas en Compostela.

vituco
vituco

“O pobo galego ten dereito a coñecer a ampla produción musical en galego, e a CRTVG a obriga de difundila”, defende o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, no seu apoio ao programa Planeta Furancho que deixa de se emitir na Radio Galega Música sen que a dirección da compañía dera aínda explicacións das razóns da súa desaparición. 

A Mesa mostra, a través dunha nota de prensa, o seu apoio ao programa dirixido por Vituco Neira e chama a participar na concentración convocada para esta quinta feira 28 de maio ás 20.30 na Praza do Toural de Santiago.  

Mobilización en Compostela

“A cantidade, a calidade e a demanda de música en galego é incuestionábel. A súa eliminación ou exclusión a horarios marxinais só se explica como intento máis do goberno Feixó de ocultar o mellor do que producimos en Galiza na nosa lingua”, sinala Marcos Maceira ao tempo que insiste no seu apoio á reivindicación e ás mobilizacións de profesionais da música, non só para manter o programa Planeta Furancho que deixará de se emitir este 29 de maio, senón a esixir unha maior presenza da cultura e, en concreto, da música na nosa lingua, na radio e televisións pública, como é o obxectivo recollido na lei da súa creación. 

Desde a Mesa lémbrase que o sentido da CRTVG é, precisamente “darlle voz e imaxe a todo o que está a producir Galiza e de actuar como axente normalizador da nosa lingua e da nosa cultura en toda a súa pluralidade, tal e como establece a Lei de creación da CRTVG vulnerada continuamente e sen vergoña polo goberno de Feixó”. Segundo Maceira, feitos como a eliminación do programa que difundía a creación das novas bandas musicais na nosa lingua mostra ·o profundo desprezo por Galiza e polo galego que sinte o actual goberno galego, que continúa coa liña de agresión e exclusión de todo o que teña que ver co Galiza ou o galego, sexa a música, o ensino ou a administración”.

comentarios