A Mesa aplaude a emisión do programa conxunto da TVG e a RTP e reclama maior comunicación

Como un paso histórico cualifica a Mesa a emisión do primeiro programa conxunto da TVG e a RTP e aproveita para pedir que se afonde na colaboración das dúas canles e, en especial, reclámalle á Xunta que facilite a recepción da radio e televisión portuguesa na Galiza. 

“É preciso continuar con pasos como este e abrir definitivamente a comunicación nas dúas beiras do Miño”, demanda o presidente da MNL, Marcos Maceira ao tempo que aplaude o “paso histórico” que se dará o sábado día 6 coa emisión dun programa conxunto das dúas canles públicas, a RTP e a TVG. 

Arredor de 13 millóns de persoas se estima que pode alcanzar audiencia directa do programa que se realizará en Ourense e se emitirá polas primeiras canles da TVG e RTP. Alén diso, a cifra incrementarase coas espectadoras e espectadores das canles internacionais que poderán sumar o mundo da lusofonía e tamén a emigración galega. “É preciso continuar con pasos como este e abrir definitivamente a comunicación nas dúas beiras do Miño. Só cómpre vontade política para non lle dar as costas á lingua e cultura que partillamos Galiza e Portugal e para garantirmos o dereito de ampliar o acceso ao material audiovisual do resto do noso sistema lingüístico, par o cal a televisión é un medio fundamental, sinala Marcos Maceira. 

Desde a Mesa aproveitan para lembrar que levan anos demandando unha maior relación con Portugal e, en especial, que se posibilite a recepción das radios e televisións de Portugal na Galiza. Botou man da Carta Europea das Linguas, ratificada polo Estado español, para lembrar que os estados asinantes se comprometen a garantir a recepción de emisións de países veciños “nunha lingua falada de maneira semellante ou idéntica a unha lingua rexional ou minoritaria”. Na Galiza segue a ser imposíbel ver a programación da televisión de Portugal, a pesar de que o tema contou con pronunciamentos favorábeis de gobernos anteriores e propostas de diferentes grupos políticos no Congreso dos Deputados, apuntan desde a asociación de defensa do idioma.

Comentarios