Decorrerá os días 20 e 21

Este mes de agosto volve o Armadiña Rock

A Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña fixo público esta sexta feira que en 2021 volve o Armadiña Rock, os días 20 e 21 de agosto.
ses2
photo_camera Sés con Tito José Calviño no Armadiña Rock de 2020. (Foto: Nós Diario)

Despois de que en 2020 o Armadiña Rock non puidese decorrer con normalidade por mor da pandemia, a asociación cultural que lle dá nome vén de comunicar que o festival decorrerá os días 20 e 21 do mes de agosto.

A pesar de que, polo de agora, non transcenderon os nomes das bandas que integrarán o cartel deste ano, a organización anuncia que o espazo musical volverá ser a praza da Chousa “cun formato adaptado á nova realidade e tendo en conta os protocolos sanitarios correspondentes”. 

O Armadiña Rock, que decorre en Combarro, botou a andar en 2009 e continuou de modo ininterrompido até 2020.

Entón a pandemia por mor da Covid-19 e as restricións sanitarias obrigaron a reformular o concepto de festival achegando ás persoas habituais do festival contidos dixitais gravados na vila sen presenza de público de maneira física. 

Unha das características máis destacadas do Armadiña Rock, no que os concertos decorren na praza da Chousa, era a súa zona de acampada de balde.

Tamén atraen ao público os pasacalles, as conferencias ou a "Zona Lounge" coas que se fora enriquecendo nas sucesivas edicións.

Comentarios