Meri Caramés: "Valoramos un formato físico sen xerar plástico e o máis ecolóxico era reutilizar cassettes"

Boa música e orixinalidade é o que amosa o primeiro traballo autoeditado do grupo Aparato, formado por Meri Caramés e Chus Silva. Co nome de Storm & Illusion, a electrónica galega chega ao seu máximo nivel á espera de grandes espazos onde poder difundirse. A formación, filla do barrio compostelán de San Pedro, fura na nostalxia e recupera o cassette tal e como explica Caramés nesta conversa con Nós Diario.    
Meri Caramés e Chus Silva forman o grupo Aparato, de música electrónica (Foto: María Caramés).
photo_camera Meri Caramés e Chus Silva forman o grupo Aparato, de música electrónica (Foto: María Caramés).

Como iniciou o proxecto musical de Aparato?

Atopámonos no Coro da Ra e antes de ser Aparato xa fixeramos cousas xuntos como algunha cuña para a radio. Traballamos como colegas, sen ningunha intención de proxectar nada. Mais foi xurdindo. Ao principio foi só algo de Chus mais eu coleime.

Tiñamos moitas influencias musicais en común. Os dous viaxamos por todos os estilos. Se cadra máis polo rock que por outros. Daquela, comezamos a ter inquedanzas polo tema da electrónica e comezamos a experimentar. Aparato partiu de cero en 2018 mais sen un proxecto moi definido. O primeiro foi buscar un repertorio e despois comezar a gravar, algo que nos levou bastante tempo.   

Agora presentades o primeiro traballo en cassette. Cal é a razón?

Xurdiu por pensar que a xente hoxe en día escoita a música directamente online. Xa é raro o formato físico. Pensamos facelo en vinilo, por ser un formato moi elegante e soa mo ben, mais viamos que a maioría das persoas rematarían por escoitalo en dixital. Non queriamos pólo só nas redes e valoramos un formato físico mais non queriamos xerar plástico e buscamos unha proposta máis ecolóxica.

A de empregar cintas recicladas e reutilizadas pareceunos ideal, só fixemos a maquetación. Entendemos que á xente lle gusta ter un soporte físico na man e a un tempo escoitar música polas redes. Ese foi o motivo de facer ese híbrido. Tamén por unha cuestión nostálxica, somos da época dos cassettes.   

Que atopará a xente que se achegue a Storm & Illusion?  

A instrumentación é absolutamente dixital, electrónica. Nas pezas nótase a nosa bagaxe musical, coa presenza dos nosos gustos musicais. As letras son nosas e tratan das inquedanzas que temos a diario, da vida convulsa que temos. Reflexionamos sobre o sentido que ten a nosa existencia. 

Podería dicirche que en parte son, mesmo, existencialistas cun toque moi minimalista. Non entramos moito nun gran discurso. Son máis de suxerir que de definir, non queremos facer doutrina. Non somos nada dogmáticos.

Como son as vosas actuacións en directo?

Polo de agora non volvemos actuar desde a chegada da Covid mais agardamos contar con facelo este verán. Os noso concertos estaban gustando moito. Foi unha mágoa non poder facer máis cando estabamos collendo ritmo. 

Temos un directo moi potente  ao saírse bastante do común por todos os aparatos que levamos. Somos moi visuais, con moitas luces e algunhas máquinas moi vistosas. Temos un Theremin que chama moito a atención. 

Fala de verán e de concertos, a maior parte con programacións fechadas e pouca participación galega nunha gran parte deles. Búscase máis o de fóra?

Fálase moito do apoio ás bandas locais e, se queres que che diga a verdade, para min non existe. Non hai persoas nin entidades que se dediquen a buscar grupos, nin institucionais nin privados. 

É moi complicado chegar a certos escenarios sen ter un apoio económico potente. Facemos o investimento desde o propio grupo mais se non tes os medios... ou a sorte de que gustes por algo en concreto é moi difícil. Mesmo é moi complicado para nós chegar aos medios de comunicación. As que normalmente contan con apoio son as promotoras e se non estás nese circuíto non existes. 

Certo é que hai certames e concursos para participar mais segue a ser complicado polo elevado número de bandas que temos neste país. Se foramos de Seattle seguro que habería máis interese. Hai como unha especie de muro invisíbel.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios