Merenda festa para homenaxear á pandereteira "bravú" Xosefa de Bastavales

Toca a pandeireta desde os dez anos, acompañada da súa poderosa voz. Labrega de Bastavales, angaiolou a Manu Chao co que compartiu escenarios en Francia, Barcelona e boa parte do territorio galego. Con máis de oitenta anos, Xosefa, a pandereteira máis brava, recibirá unha homenaxe o vindeiro día 13. 

Xosefa de Bastavales
photo_camera Xosefa de Bastavales

A grande pandereiteira Xosefa de Bastavales vai ter tamén a súa homenaxe neste Ano Bravú e será en forma de merenda-festa na Gentalha do Pichel o vindeiro 13 de agosto. Xosefa Bastavales é unha das figuras máis queridas do movemento bravú e, desde o seu Bastavales, onde coñeceu ao músico Manu Chao que a convidou a súa Feira das Mentiras, acompañou á mocidade máis brava nas súas viaxes en Castromil a Lyon e Barcelona. 

Mulleres “poderosas”, en definición de Xurxo Souto, participarán na festa da Gentalha, algunhas tamén revolucionarias naquela explosión de rock rural e tradición explosiva que foi o bravú. Entre elas, Marisol Manfurada, Gharotas da Ribeira, Sofía de Labañou ademais da intervención estelar da propia Xosefa de Bastavales. 

Xosefa de Bastavales comezou con apenas dez anos a tocar a pandeireta nas foliadas que se facían na súa aldea do concello de Tordoia. Labrega de oficio, a voz e a pandeireta fixeron que a arte e a forza de Xosefa pegara ben co espírito bravo do novo rock galego. Con Mercedes Peón, Pinto d´Herbón, Susana Seivane, Fuxan os Ventos, Xurxo Souto, Cristina Pato ou The Chieftains compartiu escenario mais foi Manu Chao quen lle deu o definitivo empurrón que a levou a actuar canda el no Festival Internacional de Música de Francia ou en distintos concertos en Barcelona ademais de acompañalo en multitude de recitais por todo o territorio galego. A Xosefa, Manu Chao coñecéraa nunha festa na casa do pai, en Bastavales, a poucos metros da súa propia vivenda. A canción “Desaparecido”, do propio Chao, vén da expresión que cada vez que se achegaba pola aldea escoitaba da propia Xosefa cando tardaba en regresar, ao chamar a atención da volta a casa do “desaparecido”. 

Comentarios