xoves 21/10/21

Mercedes Vázquez: "O que eran espazos ou momentos de vida comunitaria pasan a ser atraccións turísticas"

Mercedes Vázquez Bartomeu dedícase á investigación histórica aplicada a moi diversos aspectos, desde a tradicional reconstrución de feitos até a xenealoxía. En 2004 funda, xunto ás historiadoras María Pilar Rodríguez e Mar Llinares, a empresa "dehistoria". É especialista en proxectos nos que o coñecemento histórico se aplica ao desenvolvemento turístico e social de carácter local.
A investigadora e historiadora Mercedes Vázquez Bartomeu en Compostela (Nós Diario).
A investigadora e historiadora Mercedes Vázquez Bartomeu en Compostela (Foto: Nós Diario).

-Somos conscientes, cidadanía e institucións, de que debemos coidar o noso patrimonio?

Si, aínda que dunha maneira etérea, como cando dicimos que coidamos o monte e logo na práctica non é exactamente así. Somos conscientes da súa importancia mais non acabamos de comprender que o patrimonio adquire expresións variadas que van máis alá do monumento, que acostuma a ser un edificio ou, no caso galego, algún elemento de pedra vinculado ao relixioso ou ao poder.

As nosas eivas como sociedade neste tema son enormes e moi evidentes, posto que temos centos de milleiros de propietarios de bens patrimoniais que descoñecen que o son, que non saben -aínda que quixeran- como coidalos ou mesmo que se desapegan deles. Hai xente traballando en aldeas, casas ou espazos turísticos que descoñecen o impacto da súa actividade nos bens culturais.

O desleixo xeral, as agresións e abuso que sofre o patrimonio evidencian que non acabamos de comprender o concepto. Ser quen de gozar do senlleiro patrimonio material e inmaterial galego é un privilexio que non sempre merecemos. Cada vez máis a poboación séntese estrañada desta herdanza, como se fose algo alleo que é responsabilidade das administracións. Ese desapego é síntoma de que algo vai mal.

-É difícil a convivencia da poboación con ese patrimonio en lugares como Compostela, cando por riba temos o turismo?

Si, porque o primeiro que sucede é que eses bens que conforman a memoria da comunidade deixan de ser seus ao compartirse. Este fenómeno, que debería ser enriquecedor, ten o efecto contrario, pois banaliza os significados. O que eran espazos públicos ou momentos de vida comunitaria pasan a ser atraccións turísticas, co que iso implica en termos de ocupación das rúas, dificultades á mobilidade, ruídos nocturnos, presión sobre os prezos da vivenda ou a dedicación dos comercios...

É moi curioso, a sociedade valora positivamente o turismo pero en sitios como o meu barrio, que non vive del pero sofre os seus efectos, o rexeitamento é un sentir maioritario, tal e como amosan os estudos feitos.

A isto hai que sumar o impacto das políticas de conservación e da súa filosofía xerárquica e paternalista: unha serie de xente experta decide sobre a feitura da obra da túa casa pero ti non tes as ferramentas para entender o seu traballo, nin eles as explican. Ou ben acometemos proxectos de remodelación de espazos públicos pensando nos visitantes e sen ter en conta os usos que xa fai a veciñanza deles. 

Así, o malestar está servido e é o berce dun certo rexeitamento á conservación e ao patrimonio. En resumo, vivir neses sitios parece bonito pero non o é, a realidade desas veciñanzas non é doada e isto é algo que non se di. Aquí levamos anos, con datos científicos na man, denunciando a situación e pedindo un turismo sostíbel que nos permita vivir.

-Como debería organizarse unha cidade histórica? 

Primeiro sería non esquecer que é unha cidade, un lugar no que vive e traballa xente, cunhas funcións económicas, culturais, sociais... E iso implica ter unha tenda de alimentación próxima á casa, unha praza cómoda, conexión a Internet ou unha escola infantil e non un piso turístico ao carón, non ter onde facer unha fotocopia, camiñar por rúas ateigadas de cruceiristas ou ir en alerta porque os peregrinos en bici poden levarte por diante. 

-As institucións contan coas e cos especialistas neste tema?

Polo xeral non. Si que están presentes os especialistas nas comisións de traballo mais non hai espazos de reflexión e de proactividade onde facer e encamiñar propostas.

comentarios