Mercedes Queixas, nova académica correspondente da RAG

Mercedes Queixas
photo_camera Mercedes Queixas

A escritora e profesora Mercedes Queixas, colaboradora de Sermos Galiza, foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no pleno ordinario que tivo lugar a sexta feira na Coruña.

O seu labor a prol da difusión da cultura galego e o seu compromiso coa defensa do idioma levan Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) a ser nomeada académica correspondente. Autora de ensaios divulgativos, estudos sobre a historia da lingua e a literatura galegas e de biografías de persoeiros das nosas letras, participa de maneira activa en distintas iniciativas a prol da identidade galega.

A escritora e profesora é desde 2005 secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e é a autora da columna de opinión mensual “Eu seino?” no semanario Sermos Galiza. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña, iniciou a súa andaina profesional como coordinadora da editorial Laiovento, responsabilidade que exerceu desde 1995 até o ano 2000. Desde o curso 1996-1997, compatibilizou este labor coa docencia de lingua e literatura galegas no ensino secundario, profesión que desenvolve no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Entre 2007 e 2010 foi coordinadora territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Como escritora publicou en solitario dez títulos, obras de carácter divulgativo como Os trobadores do Reino de Galiza (1997), Breve historia da literatura galega (1999) e De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega(2016), e estudos como Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (2002) e Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política (2009). Tamén cultivou o xénero biográfico en Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg (2011), Premio de Ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega do ano 2012; Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (2016), Premio de Ensaio da II Gala do Libro Galego (2017); ou Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (2011).

Como creadora cultivou a literatura infantil en Xandra, a landra que quería voar (2017) e como tradutora verteu ao galego Nacionalismos no mundo (1997) e España uniforme (2001). Participou ademais nunha vintena de obras colectivas, entre elas Historia da literatura galega (1996) e Historia xeral da literatura galega (2001) e impartiu relatorios en distintos foros galegos, estatais e internacionais.

Compromiso coa lingua e coa igualdade

En declaracións a Sermos Galiza, Mercedes Queixas amosa a súa satisfacción polo nomeamento como académica correspondente no pleno ordinario da RAG que tivo lugar na tarde da sexta feira, día 14. "Véxoo tamén como unha responsabilidade, como adoito ver todo o que fago", sinala.

"Precisamos que a Academia sexa unha institución moi enérxica e moi clarificadora a respeito da situación da lingua galega neste momento en que parece que ten a sociedade en contra, mais non é tanto así. Dáselle voz a quen manifestamente está en contra do idioma, mais non a tantas persoas e colectivos e a unha parte maioritaria da sociedade que lle quere ao idioma propio, que o practica e que quere que gañe en igualdade, normalidade, respeito, coñecemento e en uso", advirte a escritora. Amais do compromiso co idioma, Queixas considera que a Academia debe integrar "todo o posíbel" unha mirada de xénero.

Comentarios