'Aí vén o maio!'

Mercedes Queixas “Memorias dun neno Labrego é recoñecido como o gran bestseller da literatura galega”

Mercedes Queixas é profesora de Lingua e Literatura e escritora. Falamos con ela como autora do fascículo que Nós Diario dedica no seu coleccionábel Aí vén o maio! a Memorias dun neno labrego.

mercedes queixas-min (1)
photo_camera Mercedes Queixas / Foto: Mariña Ramos

Comeza o seu traballo afirmando que "nomear Memorias dun neno labrego é para min repensar(me) (n)a historia.". Que significa ese "repensar?" Cabería aquí tamén un "rectificar" a historia?

As Memorias dun neno labrego convídame a repensar(me) no camiño andado, individual e colectivamente.

Esta foi a miña primeira lectura en galego de nena e canda ela descubrín que o galego tamén se escribía. Até ese momento para min era unha lingua ágrafa, apenas oral. Repénsome na descuberta dunha inmensa sorpresa que logo me acompañou na vida desde a miña implicación na nosa realidade lingüística.

Convida a repensar de onde vimos e que camiño andamos como pobo. As Memorias son un testemuño colectivo dun país empobrecido, sometido socialmente e espoliado economicamente desde a desigualdade autorizada por un poder colonial. Eu aínda coñecín un mundo rural vivo e agora abandonado. 

Aprender da historia é determinante para facela evolucionar en positivo para a comunidade.

"Está por ver que os Balbinos de hoxe sexan agora máis felices" Quen son os Balbinos de hoxe?

Semella que o tempo pasa e a historia repítese xogando coa desmemoria ou vestíndoa de roupas modernas.

Ao noso redor segue habitando a desigualdade, a discriminación, a loita de clases.

Velaí a emigración como un novo baleirado do país, da xeración moza máis preparada que é incapaz de desenvolver un proxecto de vida no seu país e coa súa xente.

Agora aos Balbinos chámanlles “riders”. A precariedade disimulada de modernidade para poder asumila con máis disimulo.

Mais tamén son colectivos como a mocidade e as mulleres, sempre grandes sacrificadas en contextos de crise como volvemos verificar na actualidade.

... tamén haberá Manolitos, non?

Claro, son imprescindíbeis, a peza clave para a existencia de Balbinos e a consecuente relación directa da desigualdade social; son os garantes das relacións de dominio porque as precisan.

Están sempre, mais o certo é que a súa actuación ten unha visibilidade plena en contextos de crise económica que se converte en crise social, sanitaria, medioambiental, política.

Adoitan funcionar no apoio mutuo garantindo o dominio dun sistema deshumanizado artellado desde o sector empresarial, bancario, político, xudicial e mesmo desde o amparo dos medios de comunicación.

Memorias dun neno labrego é o gran bestseller da literatura galega …

É recoñecido este título de Xosé Neira Vilas como o gran bestseller da literatura galega após setenta anos da súa primeira edición en que superou a trintena de edicións con máis de 700.000 exemplares vendidos. Ademais de nos contar ao mundo grazas á súa tradución para 17 linguas como o sueco, o alemán, o esperanto, o chinés, o búlgaro ou o ruso, ademais de, entre outras, todas as linguas peninsulares.

Soster esta recepción lectora tantas décadas despois sorprende. Acho que a clave pode estar en que, malia representar unha Galiza xa apenas recoñecida, a escrita aséntase na autenticidade dunha prosa limpa, directa, que acompaña a mirada inxenua e en primeira persoa dun neno observador e reflexivo, cuestionador das inxustizas sociais.

Considera vostede que estamos faltos de bestsellers?

Considero que estamos faltas de medios de comunicación que axuden a visibilizar a literatura galega. Unha eiva que afecta tanto aos medios de titularidade pública como privada. Falta unha ponte fundamental para pór en comunicación o sistema literario galego co seu destinatario principal: o pobo galego.

E acredito en que temos un problema de base moi importante ao carecermos de políticas públicas culturais que centren a atención na creación e promoción da literatura galega, partindo do eixo nuclear que entende a cultura como dereito e como ben esencial.

Como se pode explicar que, despois de ter aprobado en 2007 a Lei do libro e da lectura, o goberno do PP aínda non fose quen de aprobar o Plan de fomento da lectura?

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios