Mercedes Peón:''Os sons da tradición non están tan lonxe da música electrónica''

Mercedes Peón atópase na vangarda da música contemporánea coa raíz sementada con profundidade na tradición. A enerxía dos seus directos transmiten unha forza telúrica que ela mesma atopou en dúas mulleres de Baldaio, nun momento que quedou marcado na súa traxectoria.

Mercedes Peón
photo_camera Mercedes Peón

Vai facer música cos ruídos da industria pesada. Co son das fábricas. Desta experiencia na que está a traballar Mercedes Peón pode xurdir un novo disco, un traballo performático ou calquera outra proposta co selo da nosa artista máis internacional. Mercedes Peón atópase na vangarda da música contemporánea coa raíz sementada con profundidade na tradición. A enerxía dos seus directos transmiten unha forza telúrica que ela mesma atopou en dúas mulleres de Baldaio, nun momento que quedou marcado na súa traxectoria. Alí naceu, en certa medida, a Mercedes Peón que consegue facer vibrar a milleiros de persoas nos seus directos e se sitúa na cima mundial da world music, un posto que, segundo ela, debe as súas orixes.

Que queda na súa música daquelas mulleres que atopou cando facía recollida nas aldeas?

Queda unha emoción, a intención de vibrare expandirme, os códigos aprendidos, debullados, deconstruidos... e volta a relembrar, xa non sei que queda retido no meu maxín. Participei nuns catrocentos festivais internacionais, viaxei por cidades que me impactaron...Por veces penso que me tiña que volver impregnar do trance da nosa expresión máis colectiva, porén agora mesmo estou tentando participar no momento que estamos a vivir, tentando concibir outros universos que, polo menos, dende a música e a performance se fan posibles.

Por que con trece anos se dirixe ao rural a recoller a tradición musical?

Nos anos 80 houbo una verdadera revolución que foi a revolución das pandeireteiras. No meu caso chegou da man de dúas mulleres na aldea de Imende (Baldaio) na Costa da Morte; saíron dunha adega ou bar unha tarde de domingo e dixéronme "nena, estas tocando mal, así non se fai". Colleron a pandeireta e puxéronse a tocar unha ribeirana que me deixou impactada para o resto da miña vida. Unhas voces poderosísimas, cunha presenza espectacular. Os homes que estaban a xogar a partida non se puideron reprimir e, como se fose a frauta de Amelie, puxéronse a bailar a Ribeirana do lugar. Foi un verdadeiro espectáculo e lección de desinhibición e poderío. A partir de aí comecei a recoller polas aldeas. Daba clases en asociacións como nas amas de casa de Teixeiro ou en Xiradela (Arteixo), etc e, ao tempo que aprendía nas aldeas, ensinaba o que recollía co convencimento de facer algo marabilloso.

Que proceso segue para, partindo desa tradición, converterse nunha artista de vangarda?

Tardei en sacar un disco porque non cría que fora necesario. No momento que necesitei plasmar as minas inquedanzas fíxeno. O primeiro tema que desenrolei foi "elelé". Xurdiu cando me encargaron un programa de televisión e, despois de desenvolver os contidos, non tiña a música da cabeceira, non atopaba nada que reflectise dun xeito contemporáneo a forza, o empoderamento e a xenerosidade percusivo-vocal das nosa mulleres músicas de Galiza. Pois velaí vai o "elelé". Despois, foi unha necesidade de expresarme creativamente, co apoio de toda a experiencia de vida na miña memoria, e pouco a pouco adentrada nun mundo onde non vexo fronteiras, só a dos meus propios límites. Atravesar unha cidade como São Paulo coa gravadora en man, amplificar o son como se estivese no cine escoitando en 5.1., o ruído dos ventiladores dunha fábrica, a xente falando... Todo forma parte dunha inmensa sinfonía.

A crítica repetiu a palabra “telúricos” para  falar dos seus primeiros discos. Será esa forza a que o emparenta coa tradición?

O mundo "occidental" devece pola súa orixinalidade, a orixe, o que nos conecta co que nos rodea e a miña música remóvelles algo que senten propio ou failles lembrar algo no seu fondo que recoñecen. A explosión do singular sen facelo dun xeito forzado, como fan as inglesas ou as americanas co pop-rok. E se algo teño de artista internacional é grazas a iso. O meu disco Sihá ten un traballo polirrítmico e de volta á orixe, tentando chegar a composicións persoais a partir desa base, amable e rudo na produción. En SÓS a produción e moito máis fina, porén conceptualmente é máis complexa. Trátase dun traballo moito máis urbano, con paisaxes sonoras que teñen a ver coas miñas viaxes por cidades diversas e con novas reflexións, entre elas a pertenza a unha humanidade que se comporta moi similar nas grandes cidades. Está moi influenciado por obras nas que participei como a de Marga Ledo, Liste, pronunciado Líster, ou dos meus traballos na danza contemporánea  nos que me puña ao servizo doutros artistas. Dalgunha maneira, distancieime da enerxía fantástica do primeiro disco, pero supoño que a idade, as novas experiencias e inquedanzas toman protagonismo.

Aos poucos introdúcese máis na música electrónica e abandona o acústico nun proceso no que aventura unha presenza aínda maior dos sons mecánicos, cara á onde se dirixe?

En certa maneira vén pola forma de compoñer. No primeiro disco sufrín moito porque non tiña estudo de gravación e foi unha tolería económica e persoal. Recoñecín o proceso e decidinme a tentar mergullarme na música coa autonomía que me permitise traballar co método de proba-error, sen preocuparme do económico, só de ter tempo para investigar. Podo gravar calquera tipo de son, de ruído, traballar con teclados, samplers... levando o acústico ao eido dixital. Deuse unha sorte de campo magnético no que fiquei enganchada. Que me deu a electrónica? ferramentas para compoñer en soidade.

Parte da entrevista publicada no Sermos Galiza nº57

Comentarios