Mercedes Peón: “Implícate! demostra que a esperanza ten faciana de muller”

Implícate!, o festival anual de Implicadas no Desenvolvemento, chega no comezo de 2015 a súa décima edición. Para celebralo publícan o CD “Reactiv_arte” con poemas de escritoras támiles, etíopes e galegas musicados. Mercedes Peón é unha das compositoras que participa no proxecto e tamén no festival que se desenvolverá o vindeiro 11 de xaneiro en Compostela. 

Mercedes Peón. Foto: Ovidio Aldegunden
photo_camera Mercedes Peón. Foto: Ovidio Aldegunden

-O festival “Implícate! cumpre dez anos nesta edición na que vostede participa. Que supuxo para vostede ese encontro?

Un luxo. Atopeime con persoas marabillosas que deciden traballar desde a súa individualidade para mudar un mundo clasista e cunha estrutura piramidal de riqueza e pobreza. Desde lugares para elas céntricos mais que son periféricos, desde o mundo capitalista, tenden pontes do norte ao sur para crear conciencia. E esas pontes conseguen saltar o hexemónico. Paréceme unha idea extraordinaria, dunha poesía brutal que evidencia que nas nosas mans está poñer en práctica algúns dos nosos obxectivos. Cando solicitan a túa colaboración para unha iniciativa como esta é imposíbel dicir que non. 

-O “Implícate” contou en todas as edicións con destacadas persoas do mundo da cultura. Que aportan para dar a coñecer ese cambio de papel?

Fago música cun posicionamento político e social, para expresar as miñas coherencias e mesmo incoherencias. A música permítemo. O son pode ter humor ou reivindicación. Trato de poñer o meu grao de area e simplemente exerzo a miña liberdade para expoñer mundos posíbeis desde a miña modestia. Tomar conciencia da desigualdade de xéneros, da catalogación das persoas, de non lle dar importancia á estética son algúns dos valores que defendemos. Cando falo con persoas como María Reimóndez ou coas mulleres de A Sega, o que fago é escoitar porque teñen visións singulares, ignotas, de mulleres marabillosas que optan por mundos posíbeis. A música para min é sanadora e permíteme amosarme como son e é iso é o que podo aportar. 

 "A música para min é sanadora e permíteme amosarme como son e é iso é o que podo aportar". 

-Participa no CD conmemorativo titulado “Reactiv-arte” canda Xabier Díaz, Uxía, Leilía ou Xoan Curiel, entre outr@s. En que consiste esta colaboración na que recolle as voces de María Reimóndez e Yolanda Castaño?

Cando me ofreceron esa ponte coa India, con esas escritoras brutais autoras de poemas fortes, reveladoras e liberadoras sentín como un ar fresco, algo fóra do habitual. Identifiqueime moito co que elas escribían. O libro, editado por Implicadas, traía un CD cos seus poemas lidos por autoras galegas e o resultado era tan suxerinte que se me ocorreu facer unha base moi potente que transmitise esa forza tan brutal, moi repetitiva e que tivese as súas voces como elementos primordiais, desde unha produción moderna, cunha base de hip-hop. Fixemos petar as poesías como son, coa voz marabillosa de Yolanda Castaño ademais dunhas palabras pronunciadas por María Reimóndez tiradas duns poemas seus traducidos ao alemán. Fixemos ritmos coa súa voz en alemán e foise creando unha base de voces faladas, verbalizadas ritmicamente. Nun momento coinciden dous poemas e entra tamén Andrea Nunes -que estará no festival- ademais das compañeiras de “El canto del caballo” que se ofreceron a vir tamén ese día. 

-Tamén queren participar no Implícate!?

Queren, ofrecéronse elas. Son compañeiras dun espectáculo de improvisación que fixemos no que eu me encargaba do espazo sonoro a través de decapar, deconstruír cancións miñas que son complicadas a nivel sonoro. Somos doce mulleres, de Catalunya, Mallorca, Tenerife, País Vasco e Galiza que participamos na iniciativa dirixida por Lipi Hernández. Da Galiza estamos Janet Novás, Ruth Balbís, Andrea Quintana e eu. Xuntámonos durante dous meses e a obra presentouse no festival internacional Sàlmon. Esa forma de se presentar, de participar, faime ter a sensación de que algo marabilloso se está a cocer. Ofrecéronse tamén catro maquilladoras... Percibo algo moi bonito, o de xuntarse tantas mulleres. Vivimos nun mundo androcéntrico e esa solidariedade é un aire fresco. Mulleres “ignotas” colaborando con cariño por unha idea. 

 "Alivia saber que cada unha, desde o seu pequeno mundo traballamos por unha loita continua". 

-Que adiviña nesa enerxía das mulleres entón?

Dicía nunha canción de SÓS que “a esperanza ten faciana de muller” e así o creo e o defendo neste momento e é o que demostra Implícate. Trátase da maneira de cambiar o estado de cousas a través da toma de conciencia, de darlle un pulso á sociedade. Para min, as mulleres de Implicadas foron inspiradoras aínda antes de ter contacto con elas. Agora, co coñecemento, o encontro é marabilloso e sinto que pertencen xa a miña vida. 

-E, vostede, como se atopa neste proxecto colectivo?

Para min é un privilexio. Alivia saber que cada unha, desde o seu pequeno mundo traballamos por unha loita continua. Cando dás con persoas coas que sentes a mesma harmonía vibras en sintonía e é cando sentes que algo novo está a nacer. Que pasan cousas. Pode ser algo moi intuitivo, moi musical mais vivo a miña participación con esa emoción e esa sensación positiva na que poño o meu corazón. O luxo é todo meu porque, ao meu ver, é sorprendente atoparte con mulleres como as de Implicadas que fan tanto por todas nós, con esa idea de cambio do mundo que admiro e comparto. 

Comentarios