Mercedes Peón anuncia 'Deixaas', o seu quinto disco

Oito anos despois de Sós, Mercedes Peón (Oza dos Ríos, 1967) regresa ao disco. Deixaas titúlase o seu quinto traballo, que se publicará o vindeiro 27 de abril.
 

Mercedes Peón
photo_camera Mercedes Peón nunha imaxe provisional.

A música de Peón é unha ponte. Ou un túnel. Que une a tradición -por veces de maneira directa ao se valer de gravacións de campo- coa modernidade electrónica. Sós supuxo un punto crítico, en que a manipulación do rexistro de sons urbanos batía con ritmos tradicionais atravesados por unha ollada contemporánea, radical.

De Deixaas apenas transcendeu información. Segundo a promoción da obra, “inspírase en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partir dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navanais”. Este novidoso xiro industrial será do primeiro en se facer publico. Esta sexta feira, 6 de abril, aparecerá a canción Plataforma.

“Mercedes Peón expande o seu universo sonoro e a súa visión poética”, avisan na súa páxina web. Ana Fernández e Mónica de Nut -unha das súas máis avntaxdas coetáneas- participan en Deixaas. “Sen abandonar as raíces da tradición que a converteron nunha das artistas internacionais máis carismáticas, incorpora unha faceta moi contemporánea”, din. A mesma que, en 2000, irrompeu furiosa no seu debut, Isué.

Comentarios