Un menú de 140 pratos no Culturgal 2014

Do 5 ao 7 de decembro en Pontevedra con novidades como o Espazo Bebés, as visitas guiadas en linguaxe de signos e un encontro con máis de vinte asociacións profesionais do campo cultural

Foto: Janite
photo_camera Foto: Janite

O coordinador do Culturgal 2014 Xosé Aldea explicaba aos xornalistas na rolda de prensa que a organización recibiu 263 proposta para o programa da Feira e que puido encaixar ao redor de 140. Tres días de actividade intensa no Pazo da Cultura de Pontevedra, con especial protagonismo das chamadas actividades familiares pero con propostas para intereses e idades diversas. Os proxectos musicais de Caxade e Guadi Galego, a transversalidade da gastrocultura no programa con ceas temáticas, recitais, revistas, presentacións de libros, degustacións e foros, a presentación da versión galega dunha aplicación creadora de contos, o último audiovisual con Encallados, A Esmorga e Costa da Morte, a exposición “Do xesto ao papel” con máis de 50 artistas ou os proxectos editoriais saídos do prelo, son algúns dos pratos que ofrece Culturgal 2014.

“Pasamos da idea da corresponsabilidade á idea da construción”, argumentaba Manuel Bragado, presidente de Culturgal, para explicar a introdución do pago de entrada por primeira vez nesta sétima edición da mesma. “A forza do Culturgal está no público, afirmou. Destacou así mesmo que as actividades ocuparán todo o edificio e que “os nosos públicos xa non teñen idade” en referencia ao Espazo para bebés, con actividades dirixidas a crianzas de 0 a 3 anos e con aforo limitado. Bragado reseñou a entrada da Feira nas artes plásticas a través da exposición “Do xesto ao papel”, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro e do esforzo por chegar a asociacións profesionais que non forman parte de Culturgal a través dun encontro o domingo 7 que chaman “Vermú cultural”, ao que están convocadas máis de vinte asociacións.

Entrada, moi asequíbel

Xosé Aldea considera que os prezos asequíbeiss da entrada da Feira -dous euros día, tres euros se se quere entrar todos os días, pensando especialmente na xente de Pontevedra- garanten o futuro da Feira. Destacou ademais a importante oferta de Culturgal ao público con grandes proxectos musicais como Caxade xunto a Bande de Música de Bandeira ou a presentación do novo disco de Guadi Galego. A gastrocultura provocará debates, foros, presentacións de libros como o do Grupo Nove, degustacións ao redor da cervexa artesanal, poesía da man da revista Benbo, ceas temáticas como a que se oferta ao redor do filme A Esmorga, etc. Incluso un recoñecido cociñeiro como Pepe Solla abandona o restaurante para achegarse a Culturgal a cantar e tocar a guitarra xunto a Yago Carreño na Carpa.

O conselleiro Xesús Vázquez gabou a Feira, a súa organización e recalcou o papel integrador de Culturgal. Animou “a todas as galegas e galegos a que merquen entrada e reciban unha contraprestación de sensacións extraordinarias”. A concelleira de Cultura de Pontevedra  Anxos Riveiro sinalou que “Culturgal engrandece Pontevedra e que as xentes de Pontevedra engrandecen Culturgal, cun público fiel e ilusionado cada ano”.

Comentarios