Mentres A Coruña celebra o arquitecto Albalat, a súa obra destrúese

Velaquí outra mostra das contradicións: a un tempo no que está no patíbulo xudicial e burocrático a demolición do edificio Citroën no coruñés barrio da Gaiteira, obra de Andrés Fernández-Albalat Lois, o pleno municipal acorda concederlle, pos mortem, o nomeamento de fillo predilecto da Coruña ao arquitecto. Argumenta o “seu inmenso labor na configuración actual da cidade” e acompaña a conmemoración con xornadas e visitas guiadas arredor da obra do galego.

Andrés Fernández Albalat arquitecto
photo_camera O arquitecto Andrés Fernández-Albalat. (Foto: Cedida por Felipe Senén)

Resulta preocupante o estado cultural da sociedade, efectos para concluír haber hainos. Quizais porque a cultura está monetizada, xa se ve como un valor de cambio e non de uso para resolver situacións. Medran entón os paradoxos e o esperpento no mostrario galego.

Así vemos o que pasa mentres se celebra a Xeración Nós: fundacións que gardan os legados de Otero Pedrayo, de Risco ou a Penzol malviven na esmola. A casa de Risco e de Otero na ourensá rúa da Paz é mercada por un profesor que entende a dimensión galega e universal daquelas personalidades. Do recuncho de “O Volter”, a taberna literaria, a do parladoiro presidido por Risco e Otero, que sobreviviu á ditadura... só se conserva o cartel de entrada e por rescatalo alguén do lixo.

E para seguir cos exemplos, velaí entre as liturxias das celebracións, o centenario de Díaz Pardo, en contraste co lamentábel estado da cuestión do Museo Carlos Maside no castro de Sada, do Laboratorio Xeolóxico de Laxe do legado Parga Pondal... como as industrias cerámicas do Castro e de Sargadelos sobreviven aínda grazas á estela galega de Seoane e de Isaac e na medida que esvaeza súa orixe perderá a súa orixinalidade. Tal como tamén se deixou perder a necesidade da idea de creación do Instituto Galego da Información, a Editorial do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, motores de ideas en dialéctica que non deberan prescribir.

Pois velaquí outra mostra máis a sumar ás contradicións campantes: a un tempo no que está no patíbulo xudicial e burocrático a demolición do edificio Citroën no coruñés barrio da Gaiteira, obra de Albalat, representativa construción do Movemento Moderno, o pleno municipal de 23 de setembro do ano 2020, a proposta da Escola Técnica Superior de Arquitectura e da Delegación do Colexio de Arquitectos e tras informe da Comisión de Honores do Concello da Coruña, acorda concederlle, pos mortem, o nomeamento de fillo predilecto da Coruña ao arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois. Argumentando polo “seu inmenso labor na configuración actual da cidade”. Hai moitos outros valores na obra de Albalat, abrindo camiños a novos materiais e técnicas, a novas industrias na Galiza, a máis das tradicionais que tiña moi presente e sobre as que recreaba. Asunto que o Pleno referendou o pasado 1 de outubro e complementou con xornadas e visitas guiadas arredor da obra do arquitecto.

Hai moitos valores en Albalat, que abre camiños a novos materiais e técnicas

Xa no ano 1997 o concello da Coruña, despois de permitir que moitas das obras de Albalat na cidade sufriran fortes alteracións, sen consultas “democráticas” previas a tantos “órganos consultivos” como deberan usar as Administracións –como a Academia Galega de Belas Artes, a Universidade, o Instituto Cornide...– outorgou licenza para demoler o Edificio Fenosa na Avenida de Fisterra, emblemático dos inicios do Movemento Moderno (1961), obra do enxeñeiro militar Castañón de Mena, figura importante na ditadura e emparentado con Barrié, en colaboración co arquitecto coruñés Tenreiro Brochón. Caso similar é o que se presenta agora co devandito Edificio Citroën da Gaiteira. Construción catalogada polo arquitecto Xulio Busquets, antes da aprobación do Plan xeral de ordenación municipal vixente, e do que, “misteriosamente” sería eliminado.

No ano 2015 será a Asociación de veciños de Oza-A Gaiteira-Os Castros a que solicite á corporación municipal que volva incluír o edificio no catálogo de bens inmóbeis protexidos. Sen contestación. Adiántanse os propietarios do inmóbel en cuestión, os que en maio de 2016 solicitan licenza para o seu derrube, ao que o concello denega a demolición, entrando en litixio xudicial a cuestión. En 2018 o Tribunal de Xustiza da Galiza tumba o recurso interposto polo Goberno local, entendendo a sentenza a demolición, “por silencio administrativo e namentres non se aprobe a súa catalogación, o propietario ten dereito ao que solicita: á súa demolición”. Caben outras posibilidades de xestión, a máis dos recursos xudiciais, mesmo acordos cos propietarios.

Cando a Historia se repite: a demolición do edificio Fenosa e do Citroën

O Edificio Citroën foi concibido como edificio industrial, de trazado modular, con perfilaría metálica, carpintaría de aceiro e aluminio, fachada de vidro, do mesmo modo que os tamén deseñados por Fernández Albalat na coruñesa Avenida da Vedra, a SEAT, a Ford e a Coca-Cola.

Andrés Fernández-Albalat representaba ademais o espírito de bonhomía, tolerante, aberto, escudriñador de horizontes da Coruña, o que mesmo expresa na transparencia das súas obras. Naceu na Coruña e nunha casa das que miran á mesma praza de María Pita, no ano 1924 e, finou como o que era, no día dos Santos Inocentes de 2019. Fillo de militar de enxeñeiros e de pianista, formado entre os Salesianos e a Academia Galicia, en Ciencias Exactas na Universidade Compostelá e en arquitectura na prestixiosa Escola de Arquitectos de Madrid. Titulado no ano 1956 pasa e exercer na Coruña, contribuíndo a crear escola e unha nova visión na arquitectura e no urbanismo: en 1959 encárganselle grandes edificios na Mariña, en Porta Real, o Casino e no ano 1960, en colaboración co seu amigo e colega Antonio Tenreiro a Fábrica da Coca-Cola, no 64 a Delegación da Seat... Seguen os encargos como o Banco da Coruña (hoxe banco BBVA) en Durán Loriga, o edificio da Hípica en Maestranza, o da Praza de Pontevedra...

Albalat foi tamén o arquitecto preferido de Isaac Díaz Pardo e de Seoane, mesmo como amigo e fundador do Laboratorio de Formas de Galicia, ao que se lle encarga a planificación arquitectónica dos complexos industriais e culturais de Sargadelos e do Castro, do Museo Carlos Maside... Na Mariña executará a Escola de Benquerencia, derruída hai uns anos..., en Compostela a piscina cuberta de Santa Isabel e o Estadio de San Lázaro, a Facultade de Filoloxía na Coruña, a Central de Froitos de Montecelo, o Centro de Cálculo de Caixa Galicia, vivendas en Sada, en Pontedeume, até o Hotel Hórreo de Corcubión.

Foi tamén o arquitecto preferido de Díaz Pardo e de Seoane

En 1968 autor do proxecto da Cidade das Rías, plan urbanístico entre A Coruña e Ferrol, ao estilo do Randstad holandés, que evitaría o unicentrismo, en especial na rede viaria. Tema de discurso de entrada, na actualidade reeditado, corrixido polo mesmo arquitecto poucos días antes do seu pasamento: lección, adianto ao urbanismo dunha cidade que mira ao mar e que debe descentralizarse, previndo o caos do sen proxecto. A vontade política debe ser a que planifique futuros fronte aos caos da desplanificación: áreas industriais, deportivas, universitarias... Saber facer á espera definitiva de publicación, ademais xa preparada para o prelo desde hai tempo polo Colexio de Arquitectos, e á vez que si saía a do tamén grande arquitecto contemporáneo e amigo de Albalat, Xosé Bar Boo.

A obra dun humanista, representativa do Movemento Moderno da arquitectura na Galiza

Albalat, como humanista, era polifacético, dos que entenden e practican a interacción ou simbiose das artes, así escribiu Música, Arquitectura y proyecto, disertación dada na Academia de San Fernando con motivo da entrega da Medalla e Ouro do Consejo Superior de Arquitectos de España aos seus amigos e colegas Vázquez Molezún e Corrales Gutierrez...

Albalat foi Catedrático de Proxectos Arquitectónicos na Escola de Arquitectura da Coruña, da que foi creador e finalmente profesor emérito. Mesmo dirixiu coros, a Asociación de Artistas, practicou a pintura e escribiu. En silencio foi xeneroso asesor de p-rrocos para as obras dos seus templos... Significado membro do Padroado Rosalía de Castro, do Instituto José Cornide, do que foi director, do Padroado do Museo do Pobo Galego, da Real Academia Galega e da de Belas Artes, da de Ciencias... Institucións ás que dedicou o seu tempo coa ansia de normalizalas e impregnalas de gal-guidade, tamén movéndose en inútiles esperas nos corredores das burocracias.

Recoñecido profesor, querido e admirado polos seus alumnos e colegas, decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, Medalla Castelao, Medalla de Ouro da Universidade da Coruña... Numerario da Academia Galega, así como Honorario da Galega de Belas Artes.

A Academia Galega de Belas Artes, de diferentes modos, fixo chegar ao concello da Coruña o seu criterio, urxindo diálogo cos propietarios a repor a catalogación inmediata do Edificio Citroën, a fin de manter a memoria dunha cidade que sabe dialogar coa Modernidade, a través da obra dun arquitecto humilde, sabio e de futuro.

Comentarios