Menos de 35% da cultura traballa 'con normalidade'

O OCG presenta o 'Barómetro de xaneiro 2021' 
O sector cultural galego foi dos que máis acusou a crise.
photo_camera O sector cultural galego foi dos que máis acusou a crise. (Foto: Nós Diario)

O Observatorio da Cultura Galega (OCG), dependente do Consello da Cultura, fixo público esta sexta feira o Barómetro da Cultura Galega II. Xaneiro de 2021, unha “radiografía” comparada do sector cultural cos primeiros resultados logo do comezo da crise sanitaria. O informe constata a existencia dunha “maior adaptación á nova normalidade e que as cifras de facturación foron me-nos negativas do que se agardaba inicialmente”. 

O OCG apunta que non se trata dun sector homoxéneo ao que a crise lle afectase por igual, e revela que as empresas dedicadas ás artes escénicas son as que teñen "máis problemas derivados da restrición da capacidade dos recintos, as que máis tiveron que fechar, as que aplicaron máis ERTE e as que teñen maiores dificultades para desenvolver a súa actividade".

O barómetro constata que a situación para o sector da cultura é menos dramática do que o sector vaticinaba e recolle as cifras xurdidas dun estudo realizado en xaneiro e no que repetiron a súa participación 237 das 303 empresas que conformaron a mostra anterior, de xullo de 2020. 

Segundo o OCG, a porcentaxe de empresas que está a traballar con normalidade é de 34,9%, cando na primeira edición do estudo era de 5,3%. En segundo lugar, o estudo indica que a facturación é algo maior, “se en xullo de 2020 43% das empresas afirmaban que perderían máis da metade da facturación, os datos constatan que só sucedeu en 29% dos casos”. 

Outro indicador é o incremento de 10 puntos da porcentaxe de empresas que teñen o cadro de persoal en activo. Aínda así, nos últimos seis meses aumentou 3,5 puntos a porcentaxe de entidades que realizaron algún despedimento, 9,2% en xullo e 12,7% en xaneiro.

O barómetro tamén mide a valoración do sector sobre o apoio estabelecido polas administracións, cunha baixada na apreciación das medidas tomadas polo Estado, algo menor na Xunta. A principal demanda son as axudas directas, que medra 10 puntos até situarse en 55,3%.

A segunda medida é a supresión ou rebaixa de impostos e seguros sociais; e a reactivación dos circuítos de concertos e teatros, 30%, e o incremento das capacidades, 24%, son as demandas que experimentan un maior aumento na súa mención.

Comentarios