domingo 26.01.2020

As memorias dun crego “atípico” na Fonsagrada dos sesenta

De 1967 a 1969, Xosé Estévez foi crego na Fonsagrada. Máis de corenta anos despois regresa ao concello no que impartiu o sacerdocio para presentar o libro “Un crego atípico na Fonsagrada 1967-1969”, as súas lembranzas dun tempo que lembra con entusiasmo. 

Xosé Estévez
Xosé Estévez

Pouco despois de marchar da Fonsagrada, Xosé Estévez deixaría o sacerdocio para se dedicar a impartir aulas na Universidade de Deusto mais o tempo que pasou na montaña de Lugo deixaría pegada inesquecíbel na súa memoria. Máis de corenta anos despois, Estévez deu cun caderno de apuntes daqueles dous anos e comezou a escribir. Para a súa sorpresa, a escrita nacía lixeira, entusiasta, e de pronto converteuse no relato vital dun tempo que deita no libro “Un crego atípico na Fonsagrada 1967-1969” que presentará o sábado día 19 ás 12 no Museo da Fonsagrada e o día 20 na Casa Museo de Manuel María, un espazo especialmente vinculado ao autor pola súa intensa amizade co poeta e con Saleta Goi, a presidenta da entidade. 

Na Fonsagrada agárdase o regreso de Xosé Estévez, de quen teñen lembranzas dos seus dous intensos anos de estadía entre a veciñanza. Estes días, o autor recibiu chamadas de reencontro e agarda descubrir en caras máis vellas a aqueles que coñecera cando tiña corenta anos menos. A eles e elas dedícalle, en certa maneira, as súas memorias, compostas por unha primeira parte titulada “A terra e o tempo”, na que describe a comarca, os costumes e tradicións. Estévez lembra nestas páxinas as polavías, aquelas noites de inverno nas que se recitaban romances, o magosto, a matanza do porco, a esmelga -quitar o mel- e mesmo as palabras que se escoitan na bisbarra como “soutar” por apañar as castañas  ou “pantalois”, nesa forma de facer o plural que teñen na Fonsagrada. 

A solidariedade como lección

“Foi unha estadía moi enriquecedora. Sufrín o choque entre a formación que recibías e a vida dos labregos"

Na segunda parte, as memorias persoais de Xosé Estévez toman protagonismo, compartindo o encontro cos feligreses, os lugares nos que viviu, o enfrontamento coa rica da parroquia, a resposta diante das misas en galego ou os problemas que tivo por enterrar en sagrado e facerlle un funeral a un suicida. “Tamén a situación dun crego da aldea na cuestión da sexualidade e a afectividade e, en especial, a solidariedade entre os veciños que foi o que máis me chamou a atención, compartir as tarefas do campo e colaborar en proxectos comúns”, explica Estévez. 

Na Fonsagrada, bautizou, enterrou e, en especial, casou a moitos dos veciños e veciñas. “Fixen moitos casamentos, un deles, en Monforte no que Isaac Alonso Estraviz e eu fixemos a cerimonia en galego e alí estaba Manuel María e Lois Diéguez e dera moito que falar”, lembra Xosé Estévez daquela xa nacionalista e comprometido coa lingua e os dereitos do país. Dese tempo é tamén a súa visita aos presos de Carabanchel, da que lembra ter feito de “choromiqueiro” co director para aproveitar a súa condición e traspasar os controis da cadea. O crego era, realmente, “atípico” e na súa parroquia de Cuiñas foi onde se imprimiron, nunha vella vietnamita, as volandeiras para o Día da Patria Galega de 1969. 

Militante nacionalista desde o Seminario

Porque Estévez abrazara o nacionalismo de moi novo, xa no Seminario no ano 1965. “Militaba desde aquela e xa botara panfletos nese ano nas festas de Quiroga. Entrei no nacionalismo da man de Manuel María e Saleta Goi, practicamente cando se fundou a UPG. Sempre se di que eran todos ateos e a verdade é que había tamén cregos e seminaristas”, comenta o autor que abandonou os hábitos con 24 anos, cando estudaba Filosofía en Madrid. 

Como se levaba entón esa militancia nacionalista co ambiente do seminario? “Eu estupendamente. Sempre tiven a idea de que o meu labor tiña que ser de tipo social, o espiritual viña nun segundo plano. Era preciso primeiro liberar o corpo para logo liberar a alma. Como contempla a teoloxía da liberación. A verdadeira liberación consiste en sacar á xente das súas miserias físicas”. 

Tampouco lembra de maneira traumática a súa saída de crego. “Dinme conta de que aquel camiño non era o meu e optei por outro”, comenta e é esa posición diante da vida a que fai que a súa memoria daqueles anos sexa serena e afectiva. 

“Foi unha estadía moi enriquecedora. Sufrín o choque entre a formación que recibías e a vida dos labregos que vivían en situación case de miseria. En moitas casas non 

había nin luz nin auga. Nin había estradas. Lembro que entre todos fixemos unha pista, todo a man, coa solidariedade comunal que tanto me chamaba a atención”, sinala Xosé Estévez que quedou marcado polo corazón, a hospitalidade e a ironía sutil da xente de Fonsagrada. “Recibíranme cos brazos abertos. Cando pasaba por unha casa dicíanme que fora “comer o caldo”, expresión que empregaban para te convidar a xantar o que houbera. En días de festa, o prato era o butelo”, comenta Estévez, dunha das súas moitas lembranzas. 

Regreso a Fonsagrada e á Casa de Manuel 

 “Militaba desde aquela e xa botara panfletos nese ano nas festas de Quiroga. Entrei no nacionalismo da man de Manuel María e Saleta Goi, practicamente cando se fundou a UPG"

“Non atoparedes nas súas letras un eloxio da paisaxe, das terras ou das pedras, senón a súa grande gratitude a unha veciñanza que compartiu con el a vida. Un fermoso retallo que nos amosa como as follas do calendario viven nas das árbores, como a necesidade se transfigura en virtude e cultura e como a vivencia mística dun crego pode ser a máis telúrica das experiencias, pois po somos e ao po habemos de volver”, escribe o ex-xuiz da Fonsagrada Luís Villares no limiar do libro, publicado polo Museo da localidade con apoio da delegación de Cultura da Deputación de Lugo. Villares, que residiu moito tempo despois no concello, fala do seu compromiso social e das lembranzas de agarimo, admiración e respecto que de Estévez atopou na Fonsagrada. 

A presentación do libro será o sábado 19, ás 12 horas, no Museo da Fonsagrada  e nela intervirán, ademais do propio autor, o responsábel da área de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, o prologuista Luís Villares e María Xosefa Ortiz en representación do Museo. Para o domingo dia 20 na Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei está prevista a participación ademais de Xosé Estévez de Alberte Ansede pola Fundación e Saleta Goi como presidenta. Son os dous espazos de obrigado cumprimento para o autor, a Fonsagrada porque dos veciños e veciñas é a súa memoria e na Casa Museo Manuel María porque foi o poeta o que o “armou cabaleiro nas lides patrióticas, máis que un irmá”, que aparece en diversas ocasións nas páxinas do libro, en textos, fotos e poemas. Un deles, o dedicado ao butelo, produto típico da Fonsagrada.  

Ata a súa xubilación hai un par de anos, o autor foi profesor na Universidade de Deusto e a súa bibliografía conta con vinte libros, sendo coautor dunhas corenta obras, con especial dedicación á historia de Euskal Herria e do Galeusca. 

comentarios