Reedición da segunda e gran novela de Carvalho Calero

A memoria de 'Scórpio' trinta anos despois

Carvalho Calero publicou dúas novelas. A primeira, A xente da Barreira (1951), devolveu o galego á narrativa de longo alento despois da Guerra Civil. A segunda realizou un notábel esforzo para reconstruír a memoria da República e da resistencia antifascista a través de elaboradas técnicas literarias. Tres décadas despois da súa primeira edición, Scórpio (1987) regresa ás librarías.
 

Carvalho
photo_camera Ricardo Carvalho Calero. Foto: cedida.

"Queremos que as novas xeración coñezan esta obra. Con luces e con sombras, é un libro fundamental do século XX que foi relegado por diversas circunstancias", explica o responsábel da reedición en Através, Xosé Antom Serem. Esas "diversas circunstacias" comezan pola ortografía reitegracionista en que Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Compostela, 1990) o redactou e continúa polo esboroamento da editora en que apareceu, Sotelo Blanco.

"Ademais, nos anos 80, Carvalho foi afastándose, e afastárono, dos cenáculos oficiais", engade. Iso non impediu que a novela, de arquitectura complexa e ambición histórica, recibise boa crítica. Edificada con elementos autobiográficos -militante galeguista de primeira hora, foi teniente do bando republicano-, Scórpio sintentiza olladas, sucesos, materias heteroxéneos. "Recolle feitos cotiáns e políticos da época", di Serem, "voces burguesas, voces populares, as primeiras mulleres na universidade, a Compostela estudantil, o Ferrol mariño". E a guerra.

"Os críticos, quen o coñeceron, ou no libro de conversas [Conversas con Carballo Calero, 1989], afirman que Carvalho Calero nunca falaba da Guerra Civil. Si o fixo nun romance 50 anos despois". O conflito armado entre democracia e fascismo ocupa a segunda parte de Scórpio. Dalgún xeito, anticipa a vaga de literatura da memoria histórica que abundará a narrativa galega no inicio deste século.   

A novela levaba, calcula Xosé Antom Serem, uns 15 anos fóra do catálogo vivo. "Consideramos que é un libro importante que debe ser lembrado e lido", indica. "Carvalho foi máis coñecido como estudoso que como creador. E, dentro da cración, máis como poeta que como narrador. É inxusto". A edición de Através incorpora un epílogo do profesor de teoría da literatura Arturo Casas en que repasa a recepción crítica da obra e "abre novas liñas de pesquisa". Por caso, a que relaciona o personaxe principal co Don Juan de Torrente Ballester.

Amais da reedición, Através Editora organizou a Rede Scórpio, coa que intenta potenciar o lanzamento. Sesións de contos de Quico Cadaval sobre a memoria -a vindeira semana en Ferrol, con Compostela o escenario central da trama- ou un concurso de narracións para "axustar contas" con Scórpio son algunhas das actividades programadas.

Comentarios