Memoria dunha época en que os fotoxornalistas eran considerados "fotógrafos de guerra"

Resgatamos unha entrevista que o xornalista Xan Carballa lle realizou en 2006 ao fotoxornalista galego Manuel López, recentemente falecido. A conversa viu a luz en A Nosa Terra.

López
photo_camera Foto: Xurxo Lobato


“Na transición un xeneral de división díxonos que el consideraba os fotoxornalistas da época fotógrafos de guerra”, lembra Manuel López (Boimorto, 1946), director da revista FOTO Profesional, que en 2007 cumpre vinte e cinco anos. Manuel López expuxo recentemente na Coruña unha antoloxía da súa obra de fotógrafo de prensa desde o lonxano 1966 dos seus inicios

Vostede ten unha longa traxectoria no fotoxornalismo. Cal é a diferenza daqueles anos seus co que se fai hoxe?

Ironizando, se daquela era dramático, hoxe é lamentábel. A situación cando eu empecei non era recomendábel, primaba o fotoxornalismo oficial pero tiven ocasión de colaborar desinteresadamente con experiencias como Teima en Galiza que procuraban rachar esa dinámica. Ningunha das épocas é ideal. No franquismo non é que non houbera unha prohibición de determinada fotografía, senón que era a realidade a que estaba prohibida. Iso nótase no que temos de memoria visual publicada. Falando con Josef Koudelka, que estivo nos anos do franquismo facendo fotos dun tema que lle gorentaba especialmente, o mundo dos ciganos e o flamenco, pregunteille sobre a realidade política que el vía e dicíame que non vía ningunha. Iso é un drama porque as ditaduras son tremendas: unhas borran a historia a base de retocadores e outras, como a que serviu o inefábel ministro Fraga, dedícanse a comprar os fotógrafos. Aos máis relevantes que había nos anos 60 mandounos contratar para facer carteis de turismo. Daquela había fotógrafos que comungaban co réxime, outros apolíticos como Francesc Catalá Roca e outros máis comprometidos, como algúns do grupo Afal de Almería, e outros que denominaría documentalistas, foron comprados desde Información e Turismo. É un tema que está por estudar.

Na efervescencia de publicacións dos anos 70 e despois nos anos da Transición, si tivo un papel relevante o fotoxornalismo.

Nas épocas duras de Arias Navarro e dos gobernos de Adolfo Suárez é cando os fotógrafos de prensa deciden apostar e saír á rúa. Gardo un recordo imborrábel porque foi cando deixei a Gaceta Ilustrada para marchar a Cuadernos para el diálogo, entre outras cousas por manifesta incompatibilidade con Ansón que chegou para dirixila despois da morte de Franco. Daquela eu publicara un libro, La España protestante ,onde cito un texto tremebundo do Ansón novo, do seu libro La hora de la monarquía, no que defendía a “ditadura nacional católica”, e el foi comprando toda a edición para que non se coñecese... pero o meu exemplar non o comprou. O tránsito das fotos “autorizadas” ás fotos da realidade que estaba a pasar nas rúas non foi fácil. O oficio do fotoxornalista era de alto risco polo simple feito de estar no lugar dos acontecementos e levar unha cámara na man. Naquela época de Cuadernos fun tamén secretario xeral da asociación dos fotógrafos de prensa de Madrid e dediqueime a resgatalos das comisarías. 

Case era máis perseguido o que fotografaba que o que escribía.

Tivemos que negociar co goberno militar de Madrid e o ministro de gobernación as condicións de traballo dos fotoxornalistas, e foi cando propuxeron utilizar un brazalete de identificación como mal menor. Un xeneral de división díxonos literalmente: “considéroos a vostedes auténticos corresponsais de guerra”. Moitos dos camiños que tomou a transición decidíronse na rúa e o xornalista podía disimular a súa condición, pero o fotoxornalista tiña que levar a ferramenta de traballo na man e ademais tiña que estar no mesmo lugar da noticia. Caíanche paus de todos lados. 

Había límites para publicar, pode haber tesouros nos negativos de tantos fotógrafos que aínda non coñecemos?

Pode haber, sen dúbida. Na exposición que fixen agora na Coruña decateime. Levo vinte e cinco anos adicados ao labor de editor da revista Foto e traballando con fotos doutros, pero despois de ter feita a selección das cen fotos que me pediu Xurxo Lobato dinme conta de que había moitas cousas que pagaba a pena resgatar. Naquel tempo a edición estaba fortemente condicionada por factores políticos pero tamén pola urxencia da edición dun medio de comunicación, que ademais, situándose na época, era máis lenta (revelado, positivado, fotomecánica,...). Tamén estaba a escolla que facía o fotógrafo segundo a súa forma de ver naquel momento, pero pasados vinte e cinco anos aquelas fotos son tamén documentos históricos que se ven doutra maneira.

Hai cada vez más experiencias de fotógrafos que colocan nas súas webs persoais parte do seu arquivo histórico. É un fenómeno con futuro?

Pode telo en canto haxa normalización. O fenómeno da web fotográfica terá futuro cando desemboque en publicacións impresas.

Como era o panorama das revistas cando fundou FOTO Profesional de fotografía naquel tempo, desde a clásica Arte Fotográfico á máis vangardista Nueva Lente?

En 1982 había un pequeno deserto se pensamos que unha revista ten que ser algo máis que un soporte publicitario da industria e un escaparate da concursística oficial. Nueva Lente, na que colaborei na última etapa, fora moi interesante pero estaba en devalo á altura que saimos nós. Arte Fotográfico era unha revista como había noutros países, que servía de trinque publicitario e da concursística fotográfica sen máis elementos críticos. Nueva Lente era máis de vangarda. Cando saímos nós, máis que proxecto definido sabía que non quería ser un bombardeador publicitario, intentar alfabetizar sobre a fotografía, pensar máis na  idea que nos aparatos.

Cando se encontran os fotoxornalistas a conversa xira moitas veces sobre cámaras máis que sobre fotos.

A Ditadura deixou unha serie de situacións terríbeis no colectivo da prensa. Durante a época de Fraga fomentouse algo dramático para todos. De repente os fotógrafos de prensa eran o coletivo profesional que con menos formación chegaba antes a ter diñeiro, porque ían a unha recepción oficial, encargábanlle de paso unha chea de fotos e tiñan un pequeno negocio paralelo. En pleno esplendor do franquismo, os fotógrafos canto máis asépticos mellor estaban e ese enfrontamento acabou trasladándose ás redaccións.

Vostede ten reflexionado en varias ocasións sobre o cambio na propia fotografía a partir da implantación masiva da tecnoloxía dixital. Non hai demasiado ruído?

A fotografía cambia porque, afortunadamente, quítalle poder aos fotógrafos como xestores exclusivos da imaxe. É unha democratización cultural que axuda porque a xente sabe ler as fotos. 

Non se banalizou en exceso?

Pois viva a banalización! Morre o Papa e na Praza de San Pedro os católicos están cunha man enxoitando as bágoas e na outra cos teléfonos móbiles en alto para facer a foto. Brincadeiras aparte, está ben esa democratización que falaba, pero hai un novo desafío para fotógrafos e sobretodo editores gráficos para ir promovendo unha profundización seria na linguaxe fotográfica. O banal fai democracia, porque se o pensas as ditaduras téñeno peor porque a comunicación é máis difícil de pexar con cancelas. Nos recintos militares dos Estados Unidos foi onde primeiro empezou a estar prohibido entrar con teléfonos móbiles con cámara. 

É o propio fotógrafo o editor gráfico?

O editor gráfico e o fotógrafo están chamados a entenderse. O editor sabe mellor que ninguén valorar a imaxe e aporta a visión editorial, está mais de parte dos lectores, mentras o fotógrafo é o testigo ocular e o autor da información gráfica, o profesional que pon a súa mirada e tamén paixón naquelo que fotografía. Ambos profisionais necesítanse, do mesmo xeito que Nené necesita de Fernando Vázquez para marcar o gol nos “derbis”. No “partido” entre o fotoxornalista e o editor nas redacións hai que animar conxuntamente os dous: a visión do fotógrafo… segundo a edición e a posta en páxina do editor. Cada vez estou mais convencido de que o exemplo a seguir é o traballo en equipo do mundo
do cinema… Condición indispensábel é a non “invasión” do editor no campo do fotógrafo e viceversa. Ambas funcións son, deben ser igual de dignas, para exercer con independencia, ou mellor dito interdependencia.

Comentarios