Memoria das pedrafitas da Galiza

Voces expertas reclaman maior investigación.
Lapa de Gargantańs, Moraña (Xabier Moure)
photo_camera Lapa de Gargantańs, Moraña (Xabier Moure)

Patrimonio dos Ancares desenvolve desde hai varios anos un proxecto minucioso de busca, estudo e contextualización de pedrafitas na Galiza. "É moi laborioso", apunta o historiador Xabier Moure, integrante do colectivo. Se atendemos á etimoloxía da palabra, pedrafita vén do latín, petra ficta, pedra fincada. E pedras chantadas hai moitas por todo o territorio. "Mais nós, cando falamos de pedrafitas, sempre nos referimos ás prehistóricas, ás pedrafitas megalíticas", que contan, ademais coa denominación de orixe bretoa menhir, maen-hir, pedra-longa.

Son, polo tanto, monumentos megalíticos, monólitos cravados no chan que se poden atopar sós, sen ningún contexto prehistórico ou asociadas a túmulos megalíticos, como mámoas ou dólmens. "Pero hai que ter en conta que moitos enterramentos megalíticos desaparaceron e o único que permaneceu e que se conserva é a pedrafita", explica Xabier Moure, quen salienta, ademais, a desaparición de moitas destas pedras dispostas en vertical desde a terra. "De moitas sabemos porque foron documentadas no pasado e temos debuxos que indican como eran e onde se localizaban".

Na actualidade, outras das que se teñen por pedrafitas son pedras de termo ou marcos xeográficos, "e non teñen nada que ver", puntualiza Moure, "aínda que nalgúns casos sabemos que foron reutilizadas". Ademais, nos últimos tempos teñen aparecido fitos de "moi boa feitura" que, segundo os expertos, tamén  se poden considerar pedrafitas prehistóricas "malia carecer de gravados ou coviñas", como as que adoitan presentar as antigas. "E a función que cumprían moitos destes marcos conmemorativos ou de culto, situados ao carón de necrópoles megalíticas, tampouco permite desbotar a súa pertenza a aquel período da Prehistoria".

Neste sentido, esténdese o historiador, "na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos, que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas ou petróglifos. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos con esta función é no Parochiale Suevorum do século VII e non hai que perder de vista que neste período, debido ás ordes terminantes dos Concilios, encamiñados a extinguir os cultos pagáns, moitas pedrafitas foron derrubadas e destruídas ou simplemente cristianizadas colocando sobre elas cruces e outros símbolos cristiáns". 

Pedrafitas prehistóricas

"Hoxe en día podemos considerar pefrafitas prehistóricas a lapa de Gargantáns, en Moraña, a máis coñecida de todas; a do Carrizo, en Vilalba, asociada a unha necrópole megalítica; a Pedra Alta, na Lagoa de Antela, que non está vinculada a ningunha mámoa nas proximidades, e a pedrafita de Cristal, en Ribeira", lembra Moure.

Ao longo de todo o territorio identifícanse pedrafitas de feitura e tipoloxía moi variadas. Hainas con forma de cono, de base cadrada ou rectangular e circulares, a semellanza dos miliarios, sen risco de que se poidan confundir. "En Boimorto temos o caso de tres pedrafitas, as de Andavao, que malia non presentar ningunha marca nin gravado si se consideran prehistóricas pola súa forma cónica", ao igual que a pedrafita do Campo da Armada, en Cedeira, "que na actualidade sobresae arredor dun metro do chan, mais segundo testemuñas orais ten máis de metro e medio soterrado". E conta a lenda que a pedra foi arrincada en varias ocasións "xa que se dicía que debaixo había un tesouro que agocharan os mouros". 

Tradicionalmente, a marxe atlántica sempre estivo máis e mellor documentada, mais nos últimos anos comezáronse a andar as comarcas do interior e estanse localizando exemplares que poden ter a súa orixe na Prehistoria. "Atopamos casos como o de Pedrafitelas, unha aldea da Fonsagrada que debe o seu nome ao monumento megalítico, agora trasladado, e citado xa en documentos do século XVII".

Alentar a investigación

Para Xabier Moure, confirmar unha cronoloxía na maior parte dos casos é moi complexo e resulta imposíbel axustar os períodos aos que corresponde cada pedra. "Traballamos con hipóteses. O que facemos en cada caso é visitar o lugar e falar coa xente para recoller a máxima información e en función do que nos conten contextualizar a peza e dar conta da tradición".

Ir máis aló é moi difícil. "Cómpre ser prudentes, tanto no tocante á tipoloxía como á cronoloxía. Vivimos nun país de canteiros. Na Galiza pódense ver fileiras de fitos esplendidamente traballados, medievais, modernos e contemporáneos, que fechaban herdades ou delimitaban coutos. Sen  esquecer a acción da natureza á hora de modelar as pedras, o que pode levarnos a interpretacións erróneas", destaca Moure, quen avoga por alentar a investigación destes monumentos.

"Estou convencido de que quedan moitas pedrafitas prehistóricas por descubrir, pero a súa supervivencia é cada vez máis difícil. Dunha banda, pola  intervención humana no medio, cada vez máis agresiva, e doutra, porque a memoria sobre a súa existencia e localización vaise perdendo coa desaparición das persoas máis vellas".

Lendas, ritos e supersticións 

Máis aló das intervencións arqueolóxicas e dos achados de época que axudan a catalogar as pedrafitas, a tradición oral e os rituais asociados son parte imprescindíbel destes monumentos que o patrimonio galego comparte co escocés, o irlandés ou o bretón.

Xabier Moure lembra o achado da pedrafita de Pascuais, en Outeiro de Rei, traballada e trasladada desde a súa posición orixinal, perto dunha fonte. "Mide máis de 2,5 metros de alto e asóciase a rituais de fertilidade".

En Trabada destaca o marco da Pena Verde, ligada á lenda dunha moura e dunha vella. "Dise que foi unha vella quen a chantou no lugar mentres comía castañas asadas" e foi pedra divisoria entre os concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo. Aínda na Mariña, salienta a pedrafita da Cruz do Campo, localizada na parroquia do Campo, no Vicedo. "Foi reutilizada e fixéronlle unha cruz.A veciñanza adoitaba atar o gando enfermo á pedra para que curase".  

Meigallo e fertilidade

En Cabanas localízase o marco do Salto, que contan que ten propiedades para curar o meigallo e o mal de ollo.

Na Capela, perto do cemiterio hai unha pedrafita á que, segundo a tradición, acudían as mulleres que non podían procrear. Dise que foi o cura da parroquia quen mandou desfacerse dela para acabar cos rituais, mais a pedra permanece no lugar, aínda que tirada no chan.

Segundo Xabier Moure, é raro que haxa unha pedrafita que non garde unha lenda ou unha tradición. En Malpica, lembra a pedrafita do Fuso da Moura. "Dise que recibe este nome porque alí houbo unha anta que tiña a figura dun fuso onde fiaba unha moura, de feito, pervive a crenza de que na zona hai covas con tesouros. Aquí tamén levaban o gando que padecía algún mal, facéndolle dar voltas ao redor da pedrafita para que curase".

Sen esquecer o aliñamento da serra da Faladoira, "perto dun campo de mámoas nun camiño de arrieiros. As pedrafitas están deitadas, pero moi ben aliñadas noutro escenario ritual".

Comentarios