O castelo de Monterrei torna esta fin de semana no epicentro mundial da gaita

Unha vintena dos máis destacados artistas e agrupacións cítanse na XXXVII Reunión Internacional de Gaiteiros procedentes de diferentes partes da Galiza e doutros países como Bélxica, Cuba ou Francia.
Os mellores gaiteiros do mundo cítanse en Verín esta fin de semana. (Foto: Raquel Pedrosa)
photo_camera Os mellores gaiteiros do mundo cítanse en Verín esta fin de semana. (Foto: Raquel Pedrosa)

O castelo de Monterrei acolle entre esta sexta feira e o sábado a XXXVII Reunión Internacional de Gaiteiros, unha cita que reunirá na fortaleza unha vintena dos máis destacados músicos e agrupacións chegadas de diversos puntos da Galiza, mais tamén doutros países como Bélxica, Cuba ou Francia, alén de ofrecer exposicións e conferencias.

O evento, que conta co apoio da Deputación de Ourense, presentouse no Pazo Provincial coas intervencións do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e o director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo. Rosendo Fernández cualificou esta actividade como "unha cita destacada dentro do calendario de actividades culturais da provincia", pola que "pasaron ao longo do tempo os mellores gaiteiros de calquera lugar do mundo".

Deste modo, asegurou que o Goberno provincial "contribúe a reforzar a identidade propia que representa a gaita", apoiando o certame e póndoo en valor. Aliás, lembrou que está declarado evento de interese turístico e cultural desde 2016.

Pola súa parte, o rexedor municipal de Monterrei apuntou que a vila tornou en 2007 en sede permanente do evento e apostilou que "foi todo un acerto". Á súa vez, Xosé Lois Foxo manifestou a necesidade de homenaxear ás persoas que "transmitiron a cultura da gaita ao longo dos séculos". Po iso, esta edición dedícase ao mestre gaiteiro coruñés Miguel Ángel López Paradela.

Programa de actividades

O programa da XXXVII Reunión Internacional de Gaiteiros comeza nesta sexta feira, día 26, cun curso de técnica de Uileann Pipe, gaita irlandesa, a cargo de César Pastor, nunha xornada que se completa cun concerto da cantante Carmen Penim. Haberá tamén unha exposición fotográfica sobre a gaita desde o século XII ao XX.

O sábado, día 27, o investigador francés Jean-Luc Matte ofrecerá unha conferencia sobre a representación dos pastores na iconografía do Nadal. O acto principal será ás 19,00 horas coa intervención de case vinte músicos de agrupacións musicais.

Entre eles figuran o cubano Alejandro Suárez, a belga Marieke Van Ransbeek ou o pontevedrés Óscar Ibáñez. Pechará o evento a Real Banda de Gaitas da Deputación desde a base do castelo.

Comentarios