O mellor e o peor do cinema estreado en 2019, por Andrés Castro

Remata o ano. É tempo de escolmas. Non son todas as que son, pero si todas as que están...

CINEMA

O mellor:

O que arde. Oliver Laxe, e a súa equipa, acadaron, por fin, que o cinema galego, e en galego, sexa tan valorado fóra como na casa. Premios desde China até Arxentina (literal) aos que pode engadir uns cantos máis coas cinco nomeacións aos Premios Feroz, catro aos Goya e dous aos Gaudí.

Parásitos. Corrosiva loita de clases baixo a peculiar mirada de Bong Joon-ho. Namorou a crítica e público. Recoñecida en Cannes coa Palma de Ouro e con varias nomeacións aos Globos de Ouro, incluíndo Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Filme Estranxeiro. Nos Óscars, previsiblemente, irá polo mesmo camiño...

Era unha vez... en Hollywood. Tarantino toca teito na seu novena longametraxe en solitario. Inmíscese, como só el sabe, no Hollywood dos 60 a través dunha estrela en horas baixas (Leo DiCaprio) e o seu dobre de acción (Brad Pitt). Risas e cinefilia ao máis alto nivel.

Spiderman: un novo universo. Para ser xustos, tivo a estrea a finais de decembro de 2018 pero, como non puido entrar na escolma do ano pasado, vai nesta por ser a mellor adaptación da historia de Spider-Man e unha clase maxistral de como trasladar os códigos da banda deseñada ao cinema.

O irlandés. Scorsese, de Niro, Pacino, Pesci, Keitel... Tres horas e media de puro cinema. Nada máis que engadir, señorías.

Joker. Spin-off do vilán máis famoso do universo Batman en modo serio e pesimista interpretado por un impresionante Joaquin Phoenix que, de seguro, se fará (e non era sen tempo) coa cobizada estatuíña dourada da Academia de Hollywood.

Eroski paraíso. A obra de teatro do grupo Chévere adaptada ao cinema, coa inestimábel codirección de Jorge Coira, consegue equilibrar emotividade a flor de pel e puro esmendrelle. Unha comedia total.

Longa noite. A segunda longametraxe de Eloy Enciso achégase á memoria histórica e ao verdadeiro xerme do fascismo a partir de inspiración literaria e actores de teatro amador. Soberbia a fotografía nocturna de Mauro Herce.

Impeachment (democracia em vertigem). Documentario de Petra Costa sobre o adulterado proceso xudicial contra Dilma e Lula que propiciou o ascenso ao poder de Bolsonaro no Brasil. Un excelente análise para entender mellor as tácticas da ultradereita para derrubar gobernos democráticos.

Quen a ferro mata. Filme de xénero que mestura narcos, vinganza e senectude. Excelentes interpretacións (sobre todo de Enric Auquer) e unha desenlace final das que quedan gravadas na memoria para o resto dos nosos días...

O peor: 

Hellboy. Innecesario reboot do anti-heroe vermello de Mike Mignola protagonizado por un irrecoñecíbel David Harbour, o poli de Stranger Things. Moi frouxa.

Cemiterio de animais. A obra de Stephen King non adoita ter moita sorte no paso á gran pantalla. Poucas son as veces que unha adaptación das súas novelas sae airosa. Iso si, cando sae, sae moi ben... Esta non é unha desas veces.

Vento de liberdade. Antes da súa caída, dúas familias intentan atravesar o muro de Berlín en globo. Desaproveita un bos vimbios para facer unha peza rutineira, artificiosa e plana.

Godzilla, rei dos monstros. Continua a teima de facer caixa co Godzilla hiper-vitaminado relanzado en 2014... e continúan sen dar coa tecla correcta. Culpa, sobre todo, do guión e dos patéticos diálogos.

Rambo: last blood. Stallone resístese abandonar os tótems que o lanzaron á fama. O único bo que se pode dicir desta película é que é a derradeira achega de Rambo... Malísima.

X-men: Fénix escura. A última entrega da saga X-Men merecía bastante máis que este pastiche mal dirixido e de trama inverosímil. Mágoa.

IT: Capítulo 2. Após do terrorífico capítulo 1, a expectación era máxima para a parte adulta de It. Supoñíase que ía dar máis arrepío e ter unha trama máis escura. Nin unha cousa nin outra. Decepción absoluta.

Elisa e Marcela. Que máis me gustaría que poñer o filme sobre o primeiro matrimonio documentado entre mulleres no listado de “Mellores do ano”, pero Coixet patina no fondo e nas formas. Sufríu a “maldición de Netflix”?

Aladdin. Disney está a facer unha posta ao día dos seus clásicos animados contratando directores de renome. Desta volta fichou un Guy Ritchie que intenta impregnar co seu toque. Sorprende un Will Smith no papel de xenio pero non deixa de ser un calco do orixinal. Que necesidade había?

Os mortos non morren. Jim Jarmusch proba sorte no xénero zombi contando cunha morea de estrelas do cinema alternativo: Adam Driver, Bill Murray, Tilda Swinton, Steve Buscemi, Chloë Sevigni, Tom Waits ou incluso Iggy Pop... Uns vimbios exquisitos que non acaban de callar por mor dunha historia que máis parece unha brincadeira persoal do propio Jarmusch.

Comentarios