Este sábado na Casa da Cultura

Melide acolle o derradeiro concerto de ‘Chané na Habana’

O derradeiro pase do espectáculo Chané na Habana será en Melide este sábado. O concerto recupera a figura do compositor José Castro González no centenario do seu pasamento. Co pianista cubano Alejandro Vargas como líder, contará coa voz de Rosa Cedrón, cun quinteto e cunha camerata de cordas para ofrecer unha visión nova e desprexuizada da obra do músico.
 

12173_biografia-chane302
photo_camera Castro Chané, o cuarto pola esquerda. Foto: Secretaría Xeral de Emigración.

Chané na Habana xa pasou por Santiago de Compostela e mais pola Coruña. aCentral Folque, en colaboración coa Deputación da Coruña, produciu os eventos. Daquela gravouse o disco conmemorativo que o se apresenta en Melide este sábado, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura.

Autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adiós a Mariquiña, José Castro González, Castro Chané volve a soar cen anos despois da súa morte da man de músicos de catro nacionalidades, que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Entre Galiza e Cuba

Chané foi un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX. É considerado artífice da creación da canción galega de concerto, do movemento coral contemporáneo e, en definitiva, da música popular urbana galega.

A vida e obra do compositor tomaron forma entre Galiza e Cuba. Nado en Santiago en 1856 e posteriormente residente na Coruña, axiña se consagrou como o músico galego máis popular do momento. Foi director do Orfeón El Eco, co que gañou concursos e recoñecementos a nivel internacional. En París, por exemplo, foi premiado pola súa obra A Foliada, na que por vez primeira introduce elementos da música tradicional galega.

No 1893 marchou a Cuba, onde a súa popularidade continuou a se estender con proxectos como os coros Ecos de Galicia e Os Cantores Celtas. Participou en iniciativas como a creación da Academia Galega e musicou o emblemático texto Un Adiós a Mariquiña, do seu amigo Manuel Curros Enríquez. Chané foi unha figura con sona internacional, con presenza habitual en salas de concerto de Europa e América. Finou na Habana en 1917 e os seus restos foron transportados ata Galiza, onde descansan á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro.

Comentarios