luns 26/07/21
Caderno de Verán

O verán de... Melania Cruz: "Cando podo, gústame ir aos cines Numax e tamén pasear por Compostela"

Melania Cruz foto aitor v
Melania Cruz (Foto: Aitor V)

Unha actriz como vostede ten tempo para coller vacacións?

O concepto vacacións non é algo que forme parte da miña vida habitualmente, eu teño períodos de descanso pero vacacións como tal non. Cando podo, gústame ir aos cines Numax e tamén pasear por Compostela, concretamente no parque de Bonaval.

Hoxe conmemoramos a morte de Rosalía de Castro, vostede interpretouna na película Contou Rosalía, de 2018, foi un papel especial?

Todos os traballos son especiais á súa maneira. Neste caso tratábase de interpretar un personaxe que xa está no noso imaxinario popular, entón si sentín unha gran responsabilidade. Porén, penso que os actores e actrices debemos desprendernos dos medos sobre as expectativas que poida ter a xente. Eu desfrutei moito daquel proxecto, traballei con xente que me fixo sentir moi a gusto. Coido que o noso oficio non se trata de actuar, senón de xogar, como ben se denomina noutros idiomas.

Coñecía ben a Rosalía antes de rodar a película ou interesouse máis pola súa vida e obra a raíz de facela?

Eu con Rosalía teño moita conexión desde pequena. Lendo a súa biografía, Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama, que empreguei para documentarme, así como a doutros autores que investigaron sobre a súa figura, entendín que a imaxe que nos chega dela, melancólica e triste, non era tal. Rosalía foi unha muller extremadamente feliz que gozou moitísimo da vida, que lle encantaba tocar a guitarra, estar con xente e bailar. Lendo poemas seus como "A xustiza pola man" ou outros dedicados á igualdade, xa un é consciente de que era unha muller brava e feminista. Gustaríame recomendar "Lieders", pois penso que achega unha dimensión desta Rosalía contestataria e da súa esencia como persoa inconformista que, a risco de ser sinalada, prefería non quedar calada e expresar a súa opinión.

Recoméndenos unha película para ver durante o verán.

O último filme que me impactou foi Nomadland. A protagonista, Frances McDormand, é un referente, todo o fai desde unha entrega absoluta; non lle fai falta máis que deixarse levar pola historia.

comentarios