Concello da Coruña

Meirás, centro da memoria histórica galega

A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para crear un centro da memoria histórica no pazo sae adiante.
meirás
photo_camera Fachada do Pazo de Meirás. (Foto: Nós Diario)

A corporación municipal da Coruña apoiou na xornada de hoxe a creación, no Pazo de Meirás, dun centro da memoria histórica da Galiza, tras saír adiante unha moción do Bloque Nacionalista Galego, con emenda de Marea Atlántica, e os votos tamén dos socialistas e da concelleira non adscrita de Unidas Podemos, Isabel Faraldo, ademais da abstención do Partido Popular.

A moción propón converter as Torres de Meirás nun centro da memoria histórica, sen prexuízo de darlle uso como "tributo" á escritora Emilia Pardo Bazán.

A este respecto, o BNG reclamou tamén que a Casa-Museo Pardo Bazán se manteña na cidade, na rúa Tabernas, sede tamén da Real Academia Galega (RAG), e que non se traslade a súa biblioteca ao Pazo de Meirás, unha vez que pase ao patrimonio público o inmóbel.

O texto, logo da emenda introducida pola Marea Atlántica para que o Concello de Sada decida tamén sobre os usos do pazo, propón a transferencia á Xunta da titularidade do inmóbel para que sexa a Administración galega, en consorcio co Concello de Sada e mais coa Deputación da Coruña, quen xestione a propiedade.

Os Franco, 'enrocados'

Na cuarta feira tivo lugar a vista sobre as medidas cautelares que pesan sobre os bens que se atopan no Pazo de Meirás. A familia do ditador négase ao inventario e considera que ten dereito a retirar as propiedades, se ben estaría disposta a venderllos ás administracións públicas polo “pago dun prezo razoábel, aínda que sexa simbólico”.

As declaracións fíxoas o avogado dos Franco, Antonio Gil, após comparecer no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

O letrado explicou que se se pretende que fiquen en mans públicas habería certa aceptación.

Comentarios