Cultura

Os medos do sector audiovisual fronte á crise sanitaria

A declaración do estado de alarma supuxo para o sector audiovisual a interrupción das rodaxes e a parálise xeneralizada da actividade. As diferentes asociacións profesionais puxeron en común as súas preocupacións e veñen de facer pública a carta que lle remitiron á Xunta coas súas principais peticións, que asinan a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Sindical de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Profesionais da Dirección e da Realización (CREA) mais Proxecta.
O festival de Cans (O Porriño) foi un dos eventos adiados por mor da crise sanitaria.
photo_camera O festival de Cans (O Porriño) foi un dos eventos adiados por mor da crise sanitaria.

O sector audiovisual galego, coa presente crise do coronavirus, afronta unha situación xeneralizada de parálise, salvando algúns eidos moi concretos. Ana Míguez, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, resume como preocupación básica os axustes orzamentarios que poidan vir: "En 2008 o sector xa sufriu un recorte grande e hai medo".

Por iso, na carta que as distintas asociacións profesionais do sector remitiron á Xunta recollían dúas peticións. A primeira era seguir adiante con todos os compromisos de subvencións pendentes, quer de resolución (festivais e talento) quer de publicación (axudas á produción e coprodución, desenvolvemento, coprodución minoritaria e o acordo do plan Xacobeo 2020 cos festivais de cinema). Alén diso, insistían en adaptar os prazos ao marco actual, "ampliando a xustificación en todas as liñas abertas nun mínimo de 6 meses" após a fin do estado de alarma.

Míguez destaca a actitude positiva da Administración na xuntanza mantida coa Consellaría de Cultura na que ela mesma estivo presente. Con todo, de momento só se manifestou a súa "boa vontade", pero "baleira de contido", explica Xosé Barato, vogal da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG). Na próxima reunión agardan que todo isto se materialice en medidas concretas.

"Aínda estamos agardando que a Xunta reaccione", afirma Pela del Álamo

Nesta mesma liña apunta Pela del Álamo, secretario da xunta directiva de Proxecta, outra das asinantes da carta: nun escenario de "incerteza absoluta", común ao eido cultural, "aínda estamos agardando que a Xunta reaccione". Esta organización aglutina un dos eidos máis afectados, o dos festivais, que sufriron cancelacións ou aprazamentos con gastos pagos e, como indica Míguez, "para moitos non traballar un ano pode ser mortal".

Del Álamo conta que nos últimos días mantiveron contactos con concellos, coa Consellaría, coa Deputación da Coruña e co Ministerio, destacando a sensibilidade destas dúas últimas, que si foron capaces de trasladaren medidas concretas. Un exemplo que pon en chave de crítica construtiva.

O persoal máis fráxil

Desde a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización (CREA),  Fon Cortizo sinala que nesa "parálise xeneralizada a parte técnica é a máis fráxil". Mentres desde outros eidos se pode manter, aínda que sexa de maneira mínima, a actividade ou parte dela, o "groso do noso traballo está nas rodaxes".

Mesmo dentro dos escasos programas de informativos que se manteñen na TVG, "boa parte das conexións son por videoconferencia, polo que tampouco temos cabida". Ademais, "abunda o persoal autónomo, que se atopa máis desprotexido", di Cortizo. Por iso, unha das prioridades de CREA neste momento céntrase en ofrecer asesoría.

"Abunda o persoal autónomo, que se atopa máis desprotexido", di Fon Cortizo

Outro dos socios, Gutier Rolán, conta que a nivel estatal se sofren xa "as perdas arredor de 79 millóns de euros", pero "nós non temos acceso aos datos na Galiza, non hai información sectorial", denuncia. El traballa principalmente en publicidade e preocúpalle o futuro. Como indica Cortizo, xa contan con que a volta á normalidade leve un tempo, tendo en consideración os tempos para reprogramar. Estanse, de facto, "deixando rodaxes para setembro, por seguridade", explica, polo que a parada e a progresiva recuperación demoraría sobre 4 ou 5 meses.

Traballos en curso

As guionistas case poderían sentirse unhas privilexiadas dentro do sector, pois a súa é das poucas actividades que se manteñen máis preto da normalidade, xunto a outras como a posprodución. O teletraballo non muda moito do habitual, fóra do mantemento das reunións por vía telemática, segundo nos conta Enrique Lojo, presidente da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).

As producións que poderían neste senso sufrir un corte son as series diarias, mais "na Galiza actualmente non atopamos programas desta clase". O desenvolvemento de proxectos de momento segue a funcionar, conta Lojo, "pero se non hai rodaxe non entran cartos". Así, a principal preocupación destas profesionais atópase no futuro, pois se ben poden manter a actividade, dependendo do que dure a alerta sanitaria e de como se recupere o sector poderían verse igualmente afectadas.

"Arredor de 95% das persoas socias do noso sindicato de guionistas son autónomas", afirma Lojo

Ademais, como acontece no eido técnico, "arredor de 95% das persoas socias do noso sindicato son autónomas", afirma Lojo. Por sio, existe traballo por conta propia que en moitos casos está a manter os ingresos, mais cando non é así atopa tamén unha situación máis vulnerábel.

A outra fronte das actrices

Para alén da cancelación ou aprazamento de rodaxes ou castings, desde a AAAG teñen ademais outra fronte aberta: a das artes vivas. Pois como indica Barato, na "intermitencia dun sector que se sustenta nun continuo vivir ao día, isto é mortal".

Na "intermitencia dun sector que se sustenta nun continuo vivir ao día, isto é mortal", afirma Barato

Aínda coa incerteza de cando se poderá recuperar neste eido a actividade, están sobre todo a traballar a nivel estatal, pois boa parte das competencias -como as da seguridade social- atópanse a ese nivel. Así, inseridas na Conarte (Confederación de Artistas Traballadores do Espectáculo), atópanse entre unha das máis de 30 asociacións das artes escénicas e musicais do Estado que, coordinadas pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuitos e Festivais de Titularidade Pública, están a traballar nun documento de 52 medidas extraordinarias para esta situación. Entre estas, incluiríanse, por exemplo, fomentar o aprazamento de actuacións en lugar da cancelación, unha lei de contratos máis flexíbel ou revisar as circunstancias das redes. Neste aspecto, na Galiza o local ten moito peso a través dos concellos, indica Barato.

"O audiovisual é un gremio con profesionais moi dispersos, unha industria que implica moitas persoas, pero non localizada, que se volve por iso máis fráxil", advirte Cortizo

Nun momento no que o audiovisual se situou como unha das principais fontes de distracción no confinamento, Cortizo chama a reflexionar sobre a importancia do sector, así como sobre "un gremio con profesionais moi dispersos, unha industria que implica moitas persoas pero non localizada, que se volve por iso máis fráxil". Pois na unidade é onde pode atopar unha saída máis digna ou a reivindicación de medidas máis efectivas.

Comentarios