A sección galega do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía

O medo, a culpa, o desleixo, a natureza e a incomunicación

O veterano festival de cinema fantástico de Vilagarcía, acabado de renomear como Curtas, Festival do Imaxinario, inclúe na súa extensa programación unha sección dedicada ás curtametraxes galegas na que este ano proxectará os últimos traballos de Dani Viqueira, Guille Vázquez, Ariadna Silva, Santi Teijelo, Dani Cornes, Santos Díaz, Marina Seijas e Plácido Romero. Poderá verse tamén nesta mostra a longametraxe As bruxas d’Elente, de Simón Vázquez, rodada en Ourense. 
curtametraxe vilagarcia mare
photo_camera Unha imaxe de 'Mare'

A curta Limbo, que logrou 150 seleccións en festivais internacionais, situou Dani Viqueira como un dos referentes galegos do cinema fantástico. O director coruñés está a presentar agora o seu novo traballo, A Penumbra, que pasou polo Curtocircuíto e forma parte da programación do festival do Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, que decorrerá até o vindeiro 1 de novembro.

Se Limbo era metáfora das consecuencias psicolóxicas da violencia de xénero, A Penumbra explora tamén, a partir da idea de bucle, o trastorno mental, provocado desta volta pola perda e pola culpa. Unha muller pasa dunha vida familiar convencional a un abismo de dor e angustia no que a realidade, a lembranza e o soño se confunden.

A curta “está baseada nunha historia real. Sacando a parte fantástica do proxecto, a historia real xa de seu era igual de terrorífica e traumática”, sinala o director, que traballou os efectos especiais con Manu Viqueira e Hugo Viéitez. Outras cinco curtas inclúense tamén na sección Feito en Galiza do Curtas Festival do Imaxinario. Entre elas Mare, de Guille Vázquez, un filme tamén abeirado ao xénero de suspense que fala dos trastornos do sono e, en concreto, da narcolepsia.

Mare pasou polo Festival de Cans, polo Primavera do Cine e polo OUFF antes de chegar ao Festival do Imaxinario. A curta propón un mundo onírico de imaxes desacougantes de coidada estética que suxiren unha mente atrapada nun corpo. O obxectivo do filme relaciónase, segundo o seu director, cunha “intención de sensibilización sobre unha enfermidade rara que moi pouca xente chega a comprender”, mais, aclara, “tampouco quixen levar o proxecto cara ao documental”.

O documental si foi, pola contra, a escolla de Ariadna Silva en Cartografía do esquecemento, un filme que propón unha reflexión sobre as consecuencias ecolóxicas e sociais da desaparición do bosque autóctono galego, con textos en off de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro. Nunha foresta calquera, o eucalipto vaise volvendo tan invasivo que acaba acaparando o plano.

Despois comezan a aparecer imaxes de arquivo doméstico de incendios que a directora xuntou pedíndoas polas redes sociais. Vídeos gravados por brigadistas, por veciños de casas contíguas co lume, filmados por un piloto de hidroavión da UME... que a directora coloca a pantalla partida para suxerir a vivencia dos lumes desde distintas perspectivas. A curta estivo no Festival de Cans, no FIC Vía XIV de Verín, no Curtocircuíto e agora en Vilagarcía.

O documental é tamén o xénero escollido por Santiago Teijelo para a súa curta Plumas en el arcén, filme sen voz gravado no parque nacional de Monfragüe e Torremocha, en Cáceres. “O confinamento colleunos á miña parella e a min en Torremocha. En canto puidemos saír da casa sentiamos a necesidade de estar na natureza. Sempre levaba a cámara comigo. Cando visualicei despois o material decateime de que había unha historia que contar”, sinala, co obxectivo de “reflexionar sobre os espazos compartidos entre o ser humano e o resto de animais e como se relacionaban os uns cos outros”, desde unha posición desigual no que os animais aínda desconfían, con razón, do ser humano.

‘Cartografía do esquecemento’ trata as consecuencias ecolóxicas e sociais da desaparición do bosque autóctono galego

A cámara comeza facendo picados e contrapicados dos voitres que, malia viviren nun parque protexido, non se libran da intervención dos humanos, que instalaron unha grande antena de comunicacións perto do seu hábitat. Despois vai descendendo cara a vila, onde as andoriñas e as cegoñas constrúen os seus niños nas casas, nos campanarios ou nos silos e as vacas e as ovellas son explotadas.

A interacción entre ser humano e natureza é tamén a cerna de Onde dormen as gaivotas, de Dani Cornes, filme de ciencia-ficción rodado nas Cíes que pasou polos festivais de Cans, Verín, Bueu, OUFF e Curtocircuíto antes de aportar en Vilagarcía. Unha bióloga, Amelia, chega a un arquipélago coa atmosfera contaminada coa misión de realizar unhas medicións.

A protagonista comeza a sentirse lonxe da voz que, desde a torre de control, lle dá ordes para que non entre en contacto con aquela illa que ela sospeita que non é como lle están a contar. “Somos unha xeración que naceu e creceu na época da reciclaxe e do ecoloxismo, pero non percibo especial interese por parte do poder en protexer e asegurar que a existencia humana sobrepase este século”, subliña o director.

A sección Feito en Galiza do festival de Vilagarcía inclúe tamén Os prexuízos da auga, de Santos Díaz, a historia de Juan (Xosé Barato), un mozo ao que a presenza inoportuna da auga tende a estragarlle os plans. Unha curta sobre a necesidade da comunicación e sobre a posibilidade de realizala sen palabras. Marina Seijas dirixe, pola súa banda, Unha, filme sobre a complementariedade de opostos feito a partir da imaxe de dúas mulleres. Completa a programación galega Petiscos de Pato, de Plácido Romero, biografía do xornalista, escritor, dramaturgo, etnógrafo e humorista Enrique Gómez Pato.

Comentarios