"Os medios determinan as buscas no dicionario"

Manolo e Begoña González explican as razóns de consulta de palabras na RAG
O investigador Manuel González
photo_camera O investigador Manuel González

Por que acudimos ao dicionario? Que razóns colocan 'afouteza' ou 'chimpín' entre as entradas máis buscadas na obra referente da Real Academia Galega? Manolo González e Begoña González veñen de publicar nos Cadernos da lingua un estudo que, a partir do rexistro das 50 entradas máis procuradas, trata de pólas en relación coa presenza en xornais ou outros motivos que xustifican as tendencias de consulta. 

A presenza na sociedade é o principal factor de busca?

Si, o que sobresae por riba de todo é a aparición dunha voz nos medios de comunicación. Cando unha palabra está de moda por algún feito social, isto repercute de maneira extraordinaria na consulta no dicionario. Hai casos evidentes no ano que examinamos, con voces como 'afouteza', 'teimudo', 'sapoconcho' ou 'chimpín', que por diferentes circunstancias tiveron unha presenza continuada nos medios. No caso de 'afouteza', foi por unha campaña do Celta de Vigo para captación de socias. Aparecía todas as fins de semana no campo de fútbol, así como na televisión, na radio... 'Teimudo' foi o punto de partida dunha campaña de Gadis, nesa vontade de incardinar coa sociedade galega e buscar aqueles trazos máis significativos dos galegos. Durante a duración do anuncio, produciuse un incremento nas buscas no dicionario. Logo, coincidindo coa época do festival de Cans, no que o premio é o chimpín de prata, nótase un incremento de persoas que queren saber o que é o 'chimpín'. 

E que outros factores condicionan as procuras?

Entre as palabras máis buscadas atopamos tamén 'cona', 'conacha', 'pirola'... Estas responden a buscas da rapazada cando entra na pubertade, que acode ao dicionario en procura destas verbas escatolóxicas relacionadas co sexo. Durante certo tempo, estiveron en primeiro lugar entre as palabras semanais máis buscadas que se presentan na plataforma dixital. Isto tiña un efecto chamada que tamén debeu influír. Outro factor é o dos termos que carecen de connado co castelán, é dicir, que non teñen irmán nesa lingua ou raíz común. É o caso de 'miñaxoia', 'luscofusco' ou 'trosma'. Cando unha persoa non familiarizada co galego entra en contacto con ela é normal que a procure co dicionario, pois non sabe interpretala. Logo está a homonimia, sobre todo cando xera a dúbida de se ten diferenzas gráficas. 
 
E o uso do dicionario no mundo escolar, inflúe?

Si, moitas das palabras da lista son obxecto de estudo, como acontece con 'esmorga', ao ter que ver coa obra de Blanco Amor, ademais doutras dinámicas externas como un roteiro por Ourense ou o propio filme. Tamén ás veces aparecen verbas que non teñen sistematicidade na familia. Aínda que todas sabemos o que é 'personaxe', moitas persoas aconden ao dicionario para corroborar que leva 'n' e non segue o modelo de 'persoal'. Nesta palabra conflúen os problemas que pode ter de xénero. 

Comentarios