Nove medios colaboran na décima edición do premio de artigos normalizadores de Carballo

O Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo chega á súa décima edición cun premio de 1.000 euros e a difusión do gañador en nove medios de comunicación colaboradores da convocatoria, entre eles, Sermos Galiza. 

.
photo_camera .

Promover a reflexión e difusión sobre a situación do galego e contribuír a través dos medios de comunicación a fomentar e prestixiar o uso da nosa lingua é o obxectivo do premio de artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo que chega a súa décima edición. 

Poderanse presentar artigos xornalísticos de opinión inéditos que teñan como tema algún aspecto da situación sociolingüística do país, o fomento da lingua, a lexislación e dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas ou propostas para a promoción do galego. Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres -espazos incluídos- e o  prazo de presentación remata o 11 de abril. 

Alén dun premio de 1.000 euros, o artigo será reproducidos nos xornais colaboradores da convocatoria que son Sermos Galiza, Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, e Tempos Novos.

 Nomes coñecidos do mundo da literatura e o xornalismo recibiron con anterioridade un premio que recaeu en Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos M. Callón ou Mariña Pérez Rei. 

Convocado polo Servizo de Normalización Lingüística de Carballo, as bases completas pódense consultar no web do concello. 

Comentarios