Cristian J. López, licenciado en Música e Letras: "Por medio da música a literatura gaña novos espazos"

"A literatura é unha das artes que contribuíron á humanización, auxiliándonos na creación do sentido crítico". O arxentino Cristian Javier López realizou entre a Universidade de Vigo e a brasileira Universidade Estadual do Oeste do Paraná unha tese coas conexións entre as poetas Helena Kolody e Idea Vilariño.
Cristian Javier López (Nós Diario).
photo_camera Cristian Javier López (Nós Diario).

—Por que centrou a súa tese en Idea Vilariño (Uruguai) e Helena Kolody (Brasil)?

Debido á miña primeira formación na área da música e do canto lírico, procurei conciliar as dúas artes: Literatura e Música. Ambas as poetas teñen varios puntos en común. Foron fillas de emigrantes: Idea Vilariño descendente de galegos e Helena Kolody de ucranianos. E contaron na súa formación co estudo da música: a brasileira co piano e a uruguaia co violín. Outro punto de contacto é a súa actuación na docencia.

A obra lírica destas mulleres foi obxecto de musicalización, feito que me chamou a atención. Mais aínda que se teña falado moito sobre a musicalidade dun poema, non existía un estudo que explicase como se xera esa musicalidade no texto escrito e como por medio da música a literatura gaña novos espazos e, tamén, un público máis variado.

—De que maneira estuda esa relación entre poesía e música?

A comparación entre as dúas poetas fíxose considerando as temáticas exploradas por ambas, como as referencias á crítica social, o lugar como mulleres que as escritoras ocupan nas súas sociedades e o aspecto da musicalidade nos seus poemas.

Para a análise do carácter musical baseámonos na teoría da poeta uruguaia que explora a "masa sonora do poema". Grazas a ela conseguimos identificar e comprobar cales son os medios que fan que un poema sexa musical ou non. Iso permitiunos comparar o texto literario coas súas versións nas partituras.

—Xoga a política un papel destacado no seu traballo?

Efectivamente. Na tese discutimos sobre o papel da muller como escritora nas sociedades do Uruguai e do Brasil. Existe no canon literario latino-americano unha carencia de nomes femininos. Os motivos polos que as mulleres ficaron ocultas na historiografía literaria son diversos e coñecidos.

Idea Vilariño mantivo unha acción política máis comprometida e concreta, participou do Centro de la canción de protesta e apoiaba o Movimiento de Liberación Nacional-Tupamaros, en Uruguai. Criticou abertamente o expansionismo dos EUA e defendeu a soberanía dos países latino-americanos. Porén, Helena Kolody tivo un lugar de actuación que só a deixou explorar aquilo que lle era permitido como muller a alguén da súa condición, de orixes humildes.

As poetas Helena Kolody e Idea Vilariño.

—Tiveron dificultades para difundir a súa obra polo feito de ser mulleres?

As dúas conseguiron destacar nos seus países, aínda que non se pode dicir que na mesma medida. A brasileira comezou a salientar como escritora após quedar en segundo lugar nun concurso promovido pola Sociedade de Homens de Río de Janeiro e, na actualidade, o aspecto da crítica social dos seus poemas non é coñecido. É dicir que, xustamente, aquelas producións que mostran o pensamento dunha muller forte e reflexiva, cun discurso contestatario, non son estudadas. Mais o caso de Vilariño é máis prexudicial porque a súa obra teórica sobre a poesía non se coñece, non está a aparecer nos estudos actuais, e as súas ideas non circulan por América como deberan.

—Que lle sorprendeu das poetas durante a súa investigación?

O que me sorprendeu é que as súas escritas revelan un traballo delicado coa lingua. Cando o lector se atopa cun poema destas escritoras pode percibir a musicalidade na obra, mesmo que non a consiga explicar, feito que intentamos mostrar e analizar nesta tese. Os seus poemas presentan no ritmo e na sonoridade unha evidente escrita baseada na musicalidade e nos sons das linguas que dominaban: o portugués brasileiro e o castelán río-platense, sen que necesariamente apareza a rima. A teoría de Vilariño axudou a comprobar e entender o corpo sonoro que fundamenta o poema.

—Como se afectan literatura e música na contemporaneidade?

Esa relación é moito máis consciente. A música ofrece á literatura un aire novo. Mediante a confluencia entre elas obtemos un novo terceiro obxecto artístico que contén partes das dúas artes que o compoñen.

"O Brasil merece días mellores", di sobre a xestión da COVID-19

Cristian Javier López, nado na provincia de Tucumán, na Arxentina, rematou a súa formación entre a Galiza e o Brasil. Licenciado en Música, Artes Visuais e Letras, realizou un Máster en Teatro e Artes Escénicas na Universidade de Vigo, onde tamén desenvolveu o seu doutoramento mediante un convenio internacional que lle permitiu colaborar coa Universidade Estadual do Oeste do Paraná-Unioeste do Brasil, país onde reside desde hai oito anos.

Durante o confinamento seguiu investigando co seu grupo nas áreas de literatura e historia. "O Brasil está pasando por unha situación política terríbel cun Goberno que está minimizando a problemática da pandemia da COVID-19 e atacando a diferentes sectores da poboación. Este país merece días mellores", asegura.

Comentarios