Mayhem: De Mysteriis Dom Sathanas (1994)

No ano 1994 via a luz, por fin, o primeiro Lp de estudio da banda norueguesa Mayhem. Este álbum, cuxo título en latín significa “Os rituais segredos de Satanás”, marcou un grande fito na historia do Black Metal. Esta obra mestra do black metal tamén agocha unha escura historia detrás dela que a fai aínda máis interesante.

O cantante sueco da banda, Dead, foi quen escribiu las letras de todos os temas do álbum aínda que non chegaría a ser quen de cantalas no estudio. O motivo no foi outro que o 8 de abril de 1991, Dead decidiu suicidarse cortándose a gorxa e as veas dos pulsos e disparándose na cabeza cunha escopeta. Na súa nota de suicidio, ademais de un sarcástico “perdón polo sangue”, explicaba que a súa intención fora suicidarse no bosque para non ser atopado mais, ao notar o sangue coagulado polo frío, decidiu volver a casa e facelo nela. Cando o seu compañeiro de piso e de banda, o guitarrista Eronymous, atopou o corpo, a súa reacción foi ir a unha tenda mercar unha cámara de usar e tirar e sacarlle unhas fotos, non sen antes colocar os seus obxectos persoais preto para facela máis artística. Ademais gardou pequenos anacos do oso da cabeza para facerse un colar e o resto, para envialos aos seus amigos, como confirmaron algúns dos receptores de este macabro presente. Unha desas macabras fotografías, foi portada de Dawnn of the black hearts, un directo non oficial da banda.

Na portada deste disco, en cores negros e azuis, baixo o logotipo da banda, aparecía a catedral de Nidaros. Isto non era casual, xa que Eronymous e o novo baixista da banda, Varg Vikermes, tiñan pensado un gran atentado que fixera voar polos aires dita catedral o mesmo día do lanzamento do disco como peculiar campaña de marketing. Tal atentado non se levou a cabo, non porque decidiran non facelo, senón por outro motivo máis escuro. Vikermes enterouse por amigos que Eronymous andaba a dicir que lle gustaría torturalo e matalo. A madrugada do 10 de agosto de 1993, xunto co seu amigo Snorre Ruch, Vikermes acudiu á casa de Eronymous, e fíxolle abrir a porta coa escusa de que precisaba falar sobre o contrato discográfico. Xa dentro da casa, Eronymous asestoulle unha patada no peito e correu cara a cociña para coller un coitelo que tentou cravar a Vikermes e fuxir desesperadamente escaleiras abaixo, mais os seus intentos fracasaron e foi acoitelado mortalmente por Vikermes, que foi condenado e encarcelado por asasinato e queima de igrexas até 2006, ano no que obtivo a condicional. Curiosamente, Eronymous pouco tempo antes, cando falaban das acusacións de queima de igrexas por parte de Vikermes, declarou que pronto sería coñecido por algo máis grande que a queima de igrexas, profetizando segundo algúns o seu asasinato a mans do baixista.

Estes actos fixeron que o disco dunha banda desfeita, que xa estaba gravado e listo para ser comercializado, retrasara a súa saída até 1994. Os pais de Eronymous, novos donos da discográfica pediron que regravasen as liñas de baixo de Vikermes antes de editalo. Hellhammer, batería da banda, convenceunos de que fora gravado por outra persoa para que o editaran. Tempo despois, Hellhammer recoñecería que era mentira, polo que asasino e asasinado tocan xuntos no mellor álbum da historia do black metal.

Trala disolución da banda, en 1995, no funeral de Eronymous, encóntranse Maniac, Hellhammer, e Necrobutcher e acordan reformar Mayhem e volver a xirar e a gravar. Na vindeira edición do 2017 do Resurrection Fest, de Viveiro, teremos a oportunidade de ver a Mayhem interpretando íntegramente en directo este De Mysteriis Dom Sathanas. Sen dúbida un dos momentos máis agardados por tódolos fans do black metal.

MAYHEM NA REDE

WEB: www.thetruemayhem.com

FACEBOOK: https://www.facebook.com/mayhemofficial

TWITTER: @mayhemnorway

 

LISTAXE DE TEMAS

1.-  Funeral Fog
2.-  Freezing Moon
3.-  Cursed in Eternity
4.-  Pagan Fears
5.-  Life Eternal
6.-  From the Dark Past
7.-  Buried by Time and Dust
8.-  De Mysteriis Dom Sathanas

Comentarios