Maxia en rede polos concellos de Ourense

Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo acollerán funcións e encontros co Mago Teto, Dani García, Fran Rei ou o Mago Paco. A primeira edición de Terra Máxica comeza hoxe 1 de abril en Barbadás con Fran Rei. 

P1030876
photo_camera Presentación de 'Terra máxica' en Barbadás

A primeira edición de Terra Máxica terá lugar do 1 ao 17 de abril en diversos escenarios de seis concellos da provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo. Ademais dos espectáculos de catro grandes artistas, como Fran Rei, o Mago Teto, Dani García e o Mago Paco, Terra Máxica caracterízase polo seu apartado formativo, cunha serie de obradoiros para grupos de 20 rapaces, e tamén social, xa que moitos dos encontros e funcións serán en asilos ou centros da terceira idade, procurando achegarse a un público que non adoita asistir a espectáculos, e poñendo así a maxia ao alcance de todos e todas.

Esta iniciativa, organizada polo Mago Teto e Culturactiva S. Coop. G., mantense grazas ao traballo en rede destes seis concellos, nun esforzo por achegar a cultura á cidadanía, non só nos grandes escenarios, senón noutro tipo de espazos, e por dinamizar máis aínda a vida cultural destes concellos a través das artes escénicas, máis en concreto, con maxia de primeiro nivel. 

Catro espectáculos

Así, a Casa da Cultura de Barbadás acollerá a primeira das funcións, A historia de Brancaflor, de Fran Rei, o venres 1 de abril ás 19 horas. O venres 8 á mesma hora estará o Mago Teto con Tolemaxias, e o 15, Dani García con Volta á Maxia. En Verín, as funcións son ás 19 horas dos sábados no Salón de Actos do Colexio María Inmaculada: Dani García este sábado 2, Mago Teto o 9 e o Mago Paco, con Hocus Pocus, o 16.

Na Casa da Cultura de Allariz, a maxia estará presente os domingos ás 18 horas: Fran Rei o día 3, o Mago Teto o 10 e Dani García o 17. No Centro Cultural Avenida da Rúa, as funcións, tamén os domingos, serán ás seis e media: o día 3 o Mago Paco presenta Hocus Pocus, o 10, Fran Rei A historia de Brancaflor, e o 17, o Mago Teto Tolemaxias.

A Casa da Cultura de Viana do Bolo acolle este sábado 2 ás 18.30 horas A historia de Brancaflor, de Fran Rei, e o 9 ás 20.30 horas, Volta á maxia, de Dani García. Por último, no local social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, estará A historia de Brancaflor o sábado 16 ás 19 horas.

Terra Máxica é moito máis que unha programación de maxia: coa intención de chegar a máis público, varias das funcións terán lugar en espazos coma o asilo das Hermanitas dos Ancianos Desamparados, de Verín, o centro da terceira idade Os Pinos, da Rúa, ou o Fogar do Maior de Allariz ás 17 horas.

Ademais, os Encontros Máxicos son obradoiros con grupos de 20 rapaces para completar o programa cun apartado formativo, que vaia creando canteira de novos magos e novas magas: Dani García teraos na Casa da Cultura de Viana e en dous colexios de Barbadás; e o Mago Teto, na Casa da Cultura de Verín, na de Allariz e na da Rúa.
 

Comentarios