Álvaro Gago / Cineasta

“Matria' emana da forza persoal de Francisca, obreira da conserva”

Álvaro Gago (Vigo, 1986) recibía hai uns días o premio do xurado no Festival de Cine de Sundance, en Estados Unidos, por Matria. A curtametraxe, localizada na Arousa, conta a historia de Francisca Iglesias Bouzón, operaria de conserveira e cunha realidade a través da que o director bota luz sobre o falso mito do matriarcado en Galiza.

alvaro-gago-lands-sundance-film-festival-jury-shorts-award
photo_camera O cineasta Álvaro Gago fala con Francisca Iglesias durante a rodaxe de 'Matria'.

Matria xorde do interese do autor por Francisca Iglesias, que coidara do seu avó nos seus últimos anos de vida: “Chamábame a atención a súa persoa en si, o que había detrás dela e a relación que estabeleceu co meu avó. Facía da súa vida algo dinámico e pleno a pesar do que el tiña detrás”.

Director e protagonista comezaron a traballar xuntos no guión, primeiro para centralo na propia historia de Iglesias Bouzón e despois nunha segunda capa máis reivindicativa, que deu lugar á parte social e política da historia. “Aínda que todo emana dela e da súa forza”, subliña o director.

O compromiso do cinema


Para poder realizar este proxecto, Gago recompilou distintas lecturas sobre o falso mito do matriarcado en Galiza, co fin de contar “a realidade de moitas mulleres galegas”. Para o director, o compromiso social é unha compoñente esencial do cinema.

“Coido que o cinema é unha ferramenta que temos que utilizar para derrubarmos mitos estabelecidos e para loitar porque se conten todas as historias, tamén as do pobo, as que non saen nos libros. Matria narra a realidade de moitas mulleres galegas e non entendo o que fago sen ese compromiso”, salienta.


 
Para Álvaro Gago, o cinema debe estar perto da xente. Por iso, engade, convida a volver sacalo á rúa. “O cine xorde nunha primeira instancia como un pasatempo conectado á rúa e pouco a pouco ese matiz perdeuse. Agora facemos cinema de grandes dimensións, mais moi afastados da súa natureza”, explica.

O cineasta cualifica o actual panorama audiovisual galego como “efervescente”: “Hai anos que a nosa produción está a viaxar moitísimo a pesar da crise económica. Na última década reducíronse moito as axudas, pero a xente ten ganas de buscar a vida, ten talento e remata facendo cousas que se ven nos certames máis importantes do mundo”.

É o caso, menciona, de Carla Andrade, que presentará a súa curta -A paisaxe está baleira e o baleiro é paisaxe- no Festival de Rotterdam (un dos principais escaparates de cine independente a nivel mundial) ou Álberto Vázquez, preseleccionado para os Oscar por Decorado, unha curtametraxe de animación.

Comentarios