mércores 30/09/20

Matria, de Álvaro Gago, triunfa en Cans

A curtametraxe Matria, de Álvaro Gago, é a grande vencedora da 15ª edición do Festival de Cans. Os premios do xurado á mellor curta de ficción, á mellor interpretación feminina e mais o dos veciños así o certificaron.
 

festival cans
Imaxe do Festival de Cans deste ano. Foto: Festival de Cans.

A obra de Gago, que narra a dura vida dunha muller traballadora e a súa relación coa filla, engade os recoñecementos en Cans a un amplo palmarés obtido en festivais nacionais e internacionais. Ademais, o cineasta xa gañara o premio á mellor curta en 2015, daquela por Curricán.

Segundo explican desde a organización do festival, este tamén foi o ano en que a animación gañou peso no certame. Luis Usón gañou o premio ao mellor guión por Afterwork, Raúl Costafreda á mellor banda sonora por Sea, ambas as dúas obras de animación. El reloj, de Borja Santomé, foi a mellor a curta de animación.

Nesta edición, Cans estreaba categoría: cinema de non ficción. O galardón levouno Europa, de Hugo Amoedo. Os demais premiados foron as Also Sisters -á mellor realización-, Eloi Sánchez Palau -á mellor intepretación masculina por Después de la bandera- e A cat in the window de Félix Brixel e La mujer invisible de Noemi Chantada -mencións especiais dos xurados.

comentarios