Maskarpone gaña o concurso Revenidas: Do Ourense Tropikal ao Vilaxoán caribeño

Maskarpone, un combo de ska, reggae, festa e diversión, foi a gañadora entre as 21 bandas participantes no concurso de bandas nóveis Revenidas 2013. Actuarán o 18 no Festival de Vilaxoán, toda unha referencia.

O 18 de xullo, data na que se conmemoran os dez anos de Revenidas, sobre o escenario estarán Maskarpone. Un octeto de Ourense que fornea ska, reggae, rock a base do mellor lévedo: festa, galego e diversión. A proposta máis acaida para gozar ao pé das augas de Arousa, no porto de Vilaxoán.

Un octeto de Ourense que fornea ska, reggae, rock a base do mellor lévedo: festa, galego e diversión.

Maskarpone foi o grupo gañador do I Concurso de grupos noveis Revenidas co seu tema 'A Boa vida'. O premio, aliás de tocar neste festival de referencia en Galiza, son 300 euros en metálico.

Do Ortegal ao Miño...

Nesta cita tomaron parte máis de 20 grupos procedentes de todos os recunchos do país. O único requisito, cantar en galego e non ter ningún disco publicado. Durante algo máis de dúas semanas os seguidores da páxina de Facebook das Revenidas estiveron votando por os seus favoritos. Os tres grupos que chegaron a final foron Supeoito, con máis de mil votos, Bocinazo con máis de seiscentos e Markarpone con 518.

Non está de máis lembralo: O 19 e o 20 deste mes van estar nas Revenidas...Fermin Muguruza, Os Diplomáticos, Obrint Pas, ültraqäns ou Zuloak.

E Maskarpone gañou. Son de Ourense. A terra da chispa, disque. A chispa que fai prender a festa en calquer torreiro, barrio ou onde sexa. Formouse en Ourense no 2009 e está integrado na voz por Lore, nas guitarras por David e Ton, na batería por Bush, no baixo por Champi, no acordeón por Berni, no saxo por Martinho e na trompeta por Iván.

E aí vén a artillería!!

Os dous días grandes do festival serán o 19 e 20 de xullo con un gran cartaz no que actuarán grupos de fóra de Galicia como Fermín Muguruza, Zuloak e Obrint Pas, pero no que se fará tamén unha homenaxe as grandes bandas galegas como Os Diplomáticos de Monte Alto, Ruxe Ruxe, Zënzar ou Ültraqäns. E moito, moito máis, de O Leo á Banda Fura Fura ou Compañía do Ruído (de Ribeira, probabelmente o porto con máis cachondos mentais por metro cadrado).

Como din as pescas, xa sexan de Vilaxoán ou de Rianxo: Non atoparás mellor patela.


 

Comentarios