domingo 18/04/21
O obradoiro impárteo o docente Xosé Cabido

'Masculinidades disidentes' na Semente Compostela

A Escola de Ensino Galego Semente Compostela abre a inscrición para o obradoiro do 9 de abril, "Masculinidades disidentes", impartido polo docente Xosé Cabido e destinado a educadoras, familias e profesionais socioeducadores.
pepecabido
O profesor de ensino secundario Xosé Cabido. (Foto: Nós Diario)

O profesor de ensino secundario Xosé Cabido será o encargado de impartir o vindeiro curso en liña organizado por Semente Compostela e titulado “Masculinidades disidentes”.  O obradoiro vai decorrer o vindeiro 9 de abril a través da plataforma Youtube, en  horario de 17 a 20 horas, e cun custo de 30 euros.

O docente, que é tamén impulsor da organización de obradoiros de igualdade dirixidos a rapaces, promoverá a reflexión a través da pregunta “É conveniente separar os rapazes e rapazas á hora de trabalhar a igualdade?”.

Na busca da resposta e da posta en común da experiencia de Cabido desde 2014 impartindo talleres a adolescentes varóns, debaterase arredor dos roles de xénero e de argumentos como a da antropóloga Rita Segato, polo cal, se estes roles están tan asumidos pola mocidade na construción da súa identidade “é possível que desconstruir eses estereotipos que permetem a perpetuaçom do patriarcado só seja viável em espaços nom mixtos”.

Xosé Cabido achega a súa experiencia doutros obradoiros nos que os mozos adolescentes se enfrontaron co imaxinario da súa identidade masculina como poden ser o audiovisual, a música, a publicidade ou a relación co pai e con outros amigos de sexo masculino.

“Todos estes aspeitos contribuem a conformar, de jeito a miúde inconsciente, a identidade machinazi”, explica Cabido. O profesor recalca que só a partir de aí é posíbel deconstruír “as masculinidades hegemónicas para conquerir homes mais felices e implicados no feminismo”.

Tres accións formativas

Estes obradoiros formativos, organizados polas Escolas de Ensino Galego Semente de Compostela, están dirixidos a profesionais da intervención socioeducativa, persoas educadoras e familias. 

Desde a Semente trátase de abordar o sexo por ser “um tema que preocupa habitualmente as famílias e que nom é suficientemente abordado na formaçom académica das futuras educadoras”. 

Unha proposta formativa que botou a andar o pasado 26 de febreiro co obradoiro arredor da sexualidade na adolescencia, a cargo das sexólogas Ana Pérez e Uxía Cordeiro, e que remata o vindeiro 30 de abril co taller sobre a sexualidade das crianzas, que impartirá a psicóloga Hadriana Ordóñez.

comentarios