Maruxa Mallo, Día das Artes Galegas 2017, xa ten o seu cartaz

O Día das Artes Galegas 2017 está dedicado este ano a Maruxa Mallo, un dos nomes maiores da pintura galega do século XX. Xa ten o seu cartaz, obra do pintor vigués Din Matamoro.

maruxa mallo
photo_camera "Maruja Mallo con manto de algas", unha das obras da artista

O Día das Artes Galegas de 2017, que como é tradición se comemorará o 1 de abril, homenaxe nesta edición Maruxa Mallo (1902-1995), un dos grandes vultos da pintura galega no século XX. 

Os actos centrais do día vanse realizar en Viveiro, a vila natal da grande artista galega. A cita ten xa o seu cartaz, obra do pintor vigués Din Matamoro, quen atendeu o encargo da Real Academia Galega de Belas Artes. 

IMG-20170207-WA0001 (1)Maruxa Mallo veu ao mundo en Viveiro, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia de boa posición. Xa moza trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións.  

Grazas a unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos viaxou a París en 1932, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu Max Ernst, René Magritte, Joan Miró Giorgio de Chirico e outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. A súa pintura cambiou radicalmente, influenciada polo surrealismo.

O golpe de estado de 1936 sorpendeuna en Galiza e tivo que refurxiarse na casa dun familiar, onde estivo agochada varios meses. O seu compromiso coa II República facíalle temer que podía ser albo da represión que inzaba Galiza. En 1937 conseguiu pasar a Portugal e de alí viaxar a América. Pasou o exilio en Arxentina e Estados Unidos. Finou en Madrid en 1995. María Zambrano dixo dela: "Cometeu un dos erros máis destrutivos e imperdonábeis: ser libre".

Comentarios