A rebelión galega contra a Castela do século XV

O martirio útil do mariscal Pedro Pardo de Cela

Foi un dos tres grandes Pedros á fronte dunha Galiza rebelde que tentou virar a súa sorte nas décadas finais do século XV. Unha derrota que puxo fin a unha historia de seu e que abriu a porta a un tempo onde aínda está o país.
Lápida da tumba de Pardo de Cela na catedral de Mondoñedo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lápida da tumba de Pardo de Cela na catedral de Mondoñedo. (Foto: Nós Diario)

A situación da Galiza actual non se explica sen as súas repetidas derrotas á volta dos dous últimos séculos da Idade Media. Se nas décadas finais do século XIV remata derrotado fronte a Castela o partido galego, liderado por Fernando de Castro e posteriormente por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico no contexto Europa da guerra dos cen anos, a operación volve repetirse un século máis tarde co triunfo dos exércitos dos Reis Católicos diante da rebelión galega. Neste contexto sitúase a execución de Pedro Pardo de Cela, un dos máis significados dirixentes daquel movemento, a canda o conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, e o conde Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga.

A morte de Pedro Pardo de Cela, for esta o 17 de decembro de 1483, como indica a tradición e a documentación clásica, ou nos primeiros días de outubro dese 1483, segundo achega a información de Xosé Carlos Breixo ou Eduardo Pardo de Guevara, explícase no marco dunha guerra colonial de conquista e na conseguinte aplicación de medidas excepcionais.

Así, José García Oro, no seu estudo sobre a Galiza dos séculos XIV e XV, escribe que a execución do mariscal se produce no marco dunha sorte de lei marcial, cuestión que se deduce tamén das declaracións das propias testemuñas do seu suposto testamento pero tamén do intervalo de 10 días que media entre a súa detención na casa de Afonso Iañez no Castro do Valadouro e a súa morte na praza de Mondoñedo. 

A execución de Pardo de Cela consegue o duplo obxectivo de sementar o terror, exemplarizando na súa figura, e de descabezar a resistencia galega, idea que desliza o propio Vasco da Ponte ao afirmar “vendo os señores falecido ao conde de Lemos e morto Pedro Pardo acordaron todos ser unha”.

Malia a isto, a rebelión galega alóngase uns anos máis após da súa morte nas figuras de Pedro Madruga, polo novo conde de Lemos, de Rodrigo de Castro, continuador do seu pai ou avó, Pedro Álvarez Osorio, e das fillas do propio Pardo de Cela. Unha delas, Constanza de Castro, a máis nova entre as súas herdeiras, morre en combate uns meses máis tarde loitando contra as forzas castelás que a tiñan cerca no castelo de Caldaloba, en Cospeito, a canda o seu marido Fernán Arés de Saavedra, que salva a vida.

O exilio galego a Portugal e Bretaña

A vaga represiva provocada polo acción das forzas casteláns remata por expulsar ao exilio portugués e bretón arredor de 1.500 galegos. Hernando del Pulgar, secretario de Estado, conselleiro real e cronista oficial dos Reis Católicos, na súa Crónica de los Señores Reyes Católicos Don Fernando y Doña Isabel de Castilla y de Aragón, dá cumprida información da represión exercida contra os galegos e das características do seu exilio.

Así, escribe en 1487 que “no Reino de Galiza había moitos homes que por mortes e delitos estaban condenados a penas de morte e desterro, e outras penas corporais, e estes eran en gran número, os cales por medo ás penas, fuxiran ao Reino de Portugal, Ducado de Bretaña e a Francia”. Noutro lugar da crónica, concretamente no capitulo 98 da segunda parte, onde se refire ao labor dos exiliados, precisa a súa cifra sinalando que “foi tan grande o terror da xustiza que executaban, que no espazo de tres meses ausentáronse da terra máis de mil cincocentos ladróns”. 

Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou facer a compra na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita xa mesmo a túa subscrición!
 

Comentarios