Martiño Ferreiro Álvarez, o cerdedense que morreu en Mauthausen

Martiño Ferreiro Álvarez (Quireza, 1892) foi confinado no campo de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais), no sueste de Francia, após combater o exército franquista, para morrer en Mauthausen.  Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza.  
foto-memoriaMartinho
photo_camera [Imaxe: cedida] Memorial a Martiño Ferreiro Álvarez

O 5 de maio de 1945, a Undécima División Acoirazada do exército estadounidense, ao mando do xeneral Dager, liberou os prisioneiros do campo de exterminio de Mauthausen (Austria). As tropas norteamericanas devolvéronlles a liberdade, entre outros prisioneiros superviventes, a 2.400 republicanos españois, moitos dos cales eran galegos. Os libertadores foron recibidos, xaora, con vítores e albízaras. Os reclusos galegos que denantes participaran na penosa construción, pedra a pedra, do seu presidio, colaboraron após na derruba da aguia imperial que coroaba o portón de acceso ao campo e, así mesmo, na confección da pancarta de benvida: “Los españoles antifascistas saludan a las fuerzas liberadoras”. 

mini-memoriaMartinho (1)Desgrazadamente, a gozosa xornada do 5 de maio de 1945 aconteceu tarde para o republicano cerdedense Martiño Ferreiro Álvarez que, vítima do suplicio, morrera catro anos antes, o 23 de novembro de 1941. Martiño Ferreiro Álvarez naceu na freguesía de Quireza o 13 de setembro de 1892. Ferreiro Álvarez, vencellado ao ramo da construción, trasladou a súa residencia á cidade da Coruña onde, durante a República e adscrito ao partido Izquierda Republicana, desenvolveu os cargos de concelleiro de Obras e tenente de alcalde no Concello herculino. Tras a sublevación fascista de xullo de 1936, procurou agocho en Quireza, despois en Portugal e Francia, combatendo o exército franquista nas frontes do Levante e Cataluña.

Nos primeiros meses de 1939, derrotado o bando republicano polas hostes de Franco, medio millón de españois leais á República cruzan a fronteira francesa agardando a solidariedade do país veciño. Porén, as autoridades galas, mesmo antes da ocupación alemá, ofrecéronlles aos heroicos refuxiados un tratamento inxusto, vexatorio e inhumano. Os seus corpos maltreitos, acoutados como animalias, amoreáronse en campos de internamento.

Martiño Ferreiro Álvarez foi confinado no campo de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais), no sueste de Francia.

Martiño Ferreiro Álvarez foi confinado no campo de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais), no sueste de Francia. Aínda así, loitador inquebrantábel, enxergando a inminente chegada dos invasores alemáns, o de Cerdedo integrouse como voluntario nas Compañías de Traballadores Estranxeiros, desenvolvendo a súa profesión no reforzamento da Liña Maginot. Consumada a invasión, sumouse ao exército francés para seguir combatendo o fascismo. Capturado pola Wehrmacht (maio-xuño de 1940), foi confinado no stalag V-D, preto de Estrasburgo, (asignándoselle o nº 2618) e posteriormente deportado a Mauthausen, canda outros 848 prisioneiros, o 13 de decembro de 1940.

Tras a subxugación de Francia, a situación dos exiliados republicanos empeorou. O mariscal Petain, Xefe de Estado do réxime de Vichy, entregóullelos ás autoridades alemás. Os alemáns ofrecéronllelos a Franco e a Stalin que declinaron o seu acollemento. O ministro de Asuntos Exteriores e cuñado de Franco, Ramón Serrano Suñer, responsábel da sorte dos prisioneiros, desentendeuse do asunto, dando a calada por resposta e conferíndolles aos nazis as chaves do seu destino. Daquela, aos rotspanier (os roxos españois) só lles deparaba a incerteza do triángulo azul cosido á súa vestimenta: o distintivo dos apátridas.

No xélido inverno de 1940, Martiño Ferreiro Álvarez chega ao pé das cincentas murallas de Mauthausen. Durante a longa viaxe nun escuro, ateigado e fedorento vagón de mercadorías, Ferreiro foi consciente de que aquela era unha viaxe sen retorno. A locomotora detivo a marcha, a vintena de vagóns do convoi renxeu estrondosamente; abríronse as portas e, ás tentas, Martiño Ferreiro albiscou unha gran cruz gammada baixo as poutas dunha aguia estarrecedora. Polas súas ventás coábase até a náusea un cheiro inconfundíbel a carne queimada.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios