Martínez Antelo abandona o MARCO pola escaseza de recursos

Iñaki Martínez Antelo, actual director do MARCO de Vigo, vén de anunciar que non continuará á fronte deste museo unha vez que remate o seu contrato, en novembro de 2017.

antelo
photo_camera Iñaki Martínez Antelo [Foto: Facebook]

No comunicado que fixo público hoxe mesmo, Antelo explica a súa decisión en base á escaseza de recursos económicos: “dende o MARCO levamos demasiado tempo traballando nunha situación moi complicada, cuns orzamentos ao límite do razoable para un centro das súas dimensións e características. Levo anos intentando manexar o rumbo e defendendo as súas funcións como centro de arte contemporánea, tratando de manter a calidade da programación e a independencia na xestión”. 

Martínez Antelo: "Levamos demasiado tempo traballando nunha situación moi complicada, cuns orzamentos ao límite do razoable para un centro das súas dimensións e características"

Martínez Antelo (Compostela, 1969) leva once anos á fronte do segundo centro de arte contemporánea de Galiza e considera “necesaria unha renovación”. E, logo de agradecer o apoio a traballadores, artistas e patrocinadores, afirma: “Ireime do MARCO co convencemento de que pagou a pena recuperar e manter un edificio que é un referente histórico envorcado no presente. Que mellor metáfora de liberdade que un lugar de represión transformado en centro de arte contemporánea?”.

A respecto do futuro do centro, o aínda director considera que “é necesario un esforzo conxunto para que continúe como espazo profesionalizado no ámbito da arte contemporánea” e que “só unha solución dende o ámbito profesional pode evitar un futuro incerto ou preocupante”.