CULTURA

Literatura infantil e perspectiva de xénero na oferta de Aira Editorial

Reeditan 'Xa vai o Griffon no vento' no seu 35 aniversario

Literatura infantil e perspectiva de xénero na oferta de Aira Editorial

"Mulleres ilustradoras" é unha das coleccións que inicia neste outono a editorial Aira, para reivindicar a autoría feminina na banda deseñada, e faino con Madialeva de Ana Moreiras, "unha viaxe íntima e vigorosa, un diálogo entre xeracións".
anamoreiras
photo_camera Ana Moreiras publica 'Madialeva' con Aira Editorial. / Nós Diario

Pero non é esta a única colección da editora. Aira lanza un novo volume dentro de "Clásicos ilustrados", desta volta é a quenda de Unha noite no tren da Vía Láctea, de Kenji Miyazawa, ilustrado por Miguel Robledo e traducido directamente do xaponés por Gabriel Álvarez.

Seguindo a senda dos clásicos, a editorial quere recuperar obras de referencia na literatura galega que xa non están nas librarías. A estrea desta nova colección vai da man de Xa vai o Griffon no vento, de Alfredo Conde, unha das novelas galegas traducidas a máis idiomas.

Para as máis cativas, Aira trae dúas novidades e unha reedición nesta última parte do ano. Así, volve tirar do prelo o álbum ilustrado por Noemí López Tres contos para crianzas, con tres narracións breves de Vicente Risco.

Beatriz Cabaleiro debuta na literatura infantil co álbum ilustrado galego-inglés, Clover, a historia dunha porquiña diferente. E Manuel Fontemoura fálalles, na súa primeira novela, ás mozas adolescentes a través de A nena do vestido de flores.

Para toda a vida é o regreso literario de Eva Moreda, a historia dunha moza que retorna da emigración para empezar desde cero. 

Do autor monfortino Manuel Veiga, Aira trae A parte queimada. Stalin & Robespierre que, entre o ensaio e a novela de intriga, trata de explicar as revolucións rusa e francesa.

E tamén na intriga chega a tradución ao galego de O souto dos catro ventos, de María Oruña. Dúas historias paralelas, a dunha moza que chega á Galiza en 1830, e a de Jon Bécquer un "detective de obras de arte".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios