Martín Códax, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2023

A Real Academia Galega de Belas Artes resalta a figura de Códax como un dos "símbolos culturais da Galiza no seu apartado musical, alén do literario". 
Imaxe do Pergameo Vindel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe do Pergameo Vindel. (Foto: Nós Diario)

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxeará ao longo de 2023 o trobador galego da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, Martín Códax, a quen se lle dedicará o Día das Artes Galegas do vindeiro ano, que decorre o 1 de abril.

A RAGBA explica nun comunicado que a figura de Martín Códax, "con todo o que representa", é o persoeiro "máis indicado" para protagonizar o Día das Artes Galegas 2023.

Segundo expón a Academia, "a grandeza da lírica medieval galega explícase pola conxunción de texto e música, de tal xeito que a música é o vehículo do texto poético". 

Neste sentido, destaca a descuberta en 1914 por parte de Pedro Vindel do pergameo que leva o seu nome e que contén a música de seis cantigas de Martín Códax. "Supuxo unha revelación para os estudos da música medieval europea de gran transcendencia internacional", engade a RAGBA.

A Academia resalta a figura de Códax como un dos "símbolos culturais da Galiza no seu apartado musical, alén do literario". 

Día das Artes Galegas

O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, homenaxeando o Mestre Mateo, quen o 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago de Compostela, segundo consta nos mesmos.

Na última edición de 2022 a figura homenaxeada foi o pintor lalinense José Otero Abeledo Laxeiro. Na edición 2020-2021 (unificada con motivo da pandemia), o homenaxeado foi o arquitecto Domingo de Andrade, do Barroco galego, ideólogo da imaxe de Santiago na contorna da Catedral.

En anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Luís Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruxa Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

Comentarios