Marta Pazos: “A Tempestade é un barco moi grande contra un mar de ondas bravas”

A medio camiño entre Portugal e a Galiza, Marta Pazos consolídase como directora de referencia no panorama teatral contemporáneo.

Marta Pazos
photo_camera Marta Pazos

Se A Tempestade de Shakespeare que dirixe con Voadora, a súa compañía, é realmente un barco contra un mar de ondas bravas, abofé que está a chegar a bo porto. Nos seus sete anos de historia a compañía consolidouse cunha linguaxe propia no panorama teatral contemporáneo galego e portugués. A súa directora, Marta Pazos traballa nos ensaios dun particular Don Juan en Tondela mentres A Tempestade continúa xira por Galiza.

-Por vez primeira Voadora achégase a un clásico. Mantense Shakespeare na linguaxe contemporánea?

Mantense, ao meu ver, e aí está o achádego da montaxe. Conviven perfectisimamente. Cando sento na butaca a ver o espectáculo e tento ser só espectadora dáme moito pracer porque gozo dunha proposta contemporánea mentres escoito un texto clásico. Esa convivencia é moi interesante.

-Singular é que suban ao escenario nove actores e actrices nun tempo no que as producións se reducen. É un risco atreverse cun proxecto desta envergadura?

Tirarse á piscina totalmente! É un risco absoluto mais un risco que queriamos afrontar. O que prima na nosa traxectoria é o proxecto artístico e estabamos convencidos de que queriamos facer  A Tempestade e con este equipo. Dános moito pracer conseguilo. Non tiñamos présa e, por iso, tardamos tres anos en presentar publicamente o proxecto, o que nos permitiu traballar con tranquilidade e tomar as mellores opcións. A clave foi poder ir devagar e ter como obxectivo facer o espectáculo que ideabamos.

"O espectáculo é un ente vivo e precisa cocción. Se vas con el como se fose un caracol, sen parar, a implantación é diferente". 

-A traxectoria do público, avalada por premios e o aplauso da crítica, é o que anima a decidirse por este gran proxecto?

Temos unha historia curta pero moi sólida. De repente somos unha compañía nova e consolidada, co apoio do público, da crítica e da profesión. Iso significa ter as costas quentes para poder tirarte á piscina para un proxecto como este. Quero dicir, se te estrelas, falo con estilo!! Temos un actor que vive en Berlín, outro en Sevilla e outro en Barcelona e parte do equipo é de Portugal. A Tempestade é un barco moi grande contra un mar de ondas bravas mais está merecendo a pena. O espectáculo está funcionando e está gustando moito e non nos podemos queixar tampouco a nivel de distribución. Xa antes de estrear tiñamos case todo vendido e só neste mes temos vinteunha funcións, o que é unha tolería. Cando estivemos en festivais fóra preguntábannos e a verdade é que ningunha compañía tiña un ritmo así. Nós precisabamos darlle tempo. A obra dura dúas horas e tiñamos que darlle oportunidade de facer a tempada, como en Compostela onde estamos tres semanas e funciona o boca a boca. Queriamos darlle oportunidade ao público para poder ir velo.

-Esa é a única maneira de poder levar adiante un espectáculo como este? Con moitas funcións e moito tempo en cada teatro?

Non sei se é a única mais nós pensamos que é a mellor. Reivindicamos tempo que significa cousas mellor feitas. Sabemos que o  tempo é un luxo mais para nós é a fórmula tamén para aposentar a obra nos actores. O espectáculo é un ente vivo e precisa cocción. Se vas con el como se fose un caracol, sen parar, a implantación é diferente. Así tes oportunidade de facer un traballo máis fino, que non se adoita realizar. Normalmente só a compañía pública ou propostas como Chévere que están en residencia poden optar por unha vía así mais nós apostamos por probar.

-Despois deste sete anos, varias montaxes e este Shakespeare máis recente, pode identificar a maneira de facer de Voadora? Cal serían os seus sinais de identidade?

Baséase na musicalidade e no mundo onírico. Funcionamos moito do xeito que traballa a cabeza cos soños e o noso obxectivo é ilusionar, crear ilusión á hora de traballar e tamén no público. Ten que ver coa maxia. Que as persoas senten na butaca e non saiba que vai pasar. Os nosos es

pectáculos son como matrioskas. Nestes sete anos, sen buscalo, de xeito natural, conformamos un estilo que agora comeza a solidificarse e que o público recoñece. Sabe que vai vivir unha sorpresa constante e iso é un eloxio grande para nós, non só aquí senón tamén fóra. Cando viaxamos o boca a boca di “tes que ir ver estes galegos que fan cousas diferentes”. Nun terreo no que todo está inventado que te definan como unha proposta fresca e divertida é marabilloso.

-Á marxe do grande momento da compañía, vostede conseguiu un grande recoñecemento como directora polo que gañou un María Casares e está a ser convidada por outras compañías.

É froito do traballo. Voadora é como unha familia na que a xente importa. A nosa filosofía basease en asumir riscos e na propia capacidade de traballo. Estamos todo o tempo traballando desde a autocrítica. Cando remata o espectáculo procuro pensar no que me gustaría facer mellor na próxima vez. A miña filosofía é a mesma de Voadora. Non teño présa por chegar a ningún sitio. Quero aprender e vexo que o meu traballo vai evolucionando. Teño a sorte de que estou dirixindo moito, tamén fora, non paro de dirixir e iso faime que teña a máquina engraxada. Esta oportunidade para min é ouro. Agora estou en Portugal dirixindo un Don Juan de Molière. Estar dirixindo todo o tempo é unha sorte e non penso demasiado na repercusión. Valoro moito os premios, pero non penso demasiado niso. Son adicta ao meu traballo e adoro ver unha sala chea.

-Que nos pode contar dese Don Juan no que está a traballar?

É unha coprodución de Voadora coa compañía Trigo Limpo, coa que colaboramos desde hai anos mesmo facemos residencias artísticas con eles. Fixéronnos un convite para a coprodución con carta blanca e aceptamos porque nos apetecía traballar con actores maiores, doutra xeración. O espectáculo xira arredor do amor na terceira idade e traballamos con 24 actores e actrices de 65 a 80 anos. Este ano fixemos tres producións, todas con colaboracións e coproducións con Portugal. O Rinoceronte de Ionesco, A Tempestade, a grande aposta, e agora o Don Juan.

-A relación con Portugal sempre foi unha marca de Voadora.

O 33 %, Hugo Torres, é portugués e viña dunha carreira dilatada e de moito prestixio en Portugal. Desde hai moitos anos a vontade de interrelación é grande tamén desde alá. Somos unha compañía nómada, sen espazo fixo. O que nos interesa en cada proxecto é mudar de estado e aprender doutros artistas. Portugal é un lugar que ten portas abertas e no que nos acontecen moitas cousas. A xente quere traballar con nós desde hai tempo, o que agora tamén comeza a pasar na Galiza. Todos os nosos espectáculos son agardados en Portugal. En certa maneira, comezamos en Tondela. O pasado ano pasamos sete dos doce meses en Portugal.

-Con A Tempestade en Compostela experimentaron a proposta de teatro para maiores e obradoiro simultaneo para crianzas. Como está a funcionar?

A idea partiu de nós mesmos. Os membros da compañía temos cativos e sempre temos a mesma problemática á hora de ir ao teatro. Tampouco queriamos que fose algo tipo deixalos nunha gardería. O noso proxecto trata de inserir o teatro na sociedade e que o público goce a moitos niveis. Ocorreusenos esta idea e o resultado foi magnífico, os nenos e nenas saen moi contentos do obradoiro preparado para que o pasen ben e dá gusto ver na fila do teatro aos pais e as nais con tranquilidade deixando alí ás crianzas.

Comentarios