Marta Pazos estreará a ópera 'Alexina B.' no Gran Teatre del Liceu

Por segunda vez en 175 anos de historia a institución acolle a estrea dunha ópera realizada por unha muller. Marta Pazos será a directora de Alexina B., a obra de Raquel García-Tomás que se poderá ver o 18 de marzo de 2023 en Barcelona.
Marta Pazos (Foto: Tamara de la Fuente).
photo_camera Marta Pazos (Foto: Tamara de la Fuente).

A directora de escena Marta Pazos dirixirá a ópera Alexina B., de Raquel García-Tomás, na súa estrea no Gran Teatre del Liceu de Barcelona. Será o 18 de marzo de 2023, segundo vén de anunciar esta institución, como parte da programación da vindeira tempada.

Será a segunda ocasión que este teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira foi  en 1974, cando Matilde Salvador estreou Vinatea. 

Na traxectoria de Pazos xa tivo lugar unha colaboración anterior con García-Tomás. Foi con Je suis narcissiste, obra que quedou finalista dos 'International Opera Awards'. Nela, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e xénero. 

A historia de Adélaíde Hérculine Barbin

A ópera Alexina B. conta cun libreto de Irène Gayraud e  parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.) persoa intersexual nada en Francia en 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Medra nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que se namora dunha das súas compañeiras.

Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase na súa soidade. 

Alén desta ópera, Pazos está inmersa en varios proxectos máis. O 14 de abril asina a dirección e a dramaturxia na estrea da obra Ás oito da tarde, cando morren as nais, unha produción do Centro Drámático Galego baseada no texto de AveLina Pérez. Ademais, en xullo presentará en Mérida Safo Fragmento 36.

Comentarios