Marta Lado gaña o Premio Fina Casalderrey pola obra 'A pita xefa'

O xurado declarou por unanimidade a obra gañadora, destacando características como "un galego moi coidado"
A gañadora do premio, María Lado. (Foto: Cedida) #maríalado #literatura #literaturainfantil #premio #finacasalderrey
photo_camera A gañadora do premio, María Lado. (Foto: Cedida)

A editorial Baía publicou esta terza feira a gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. A vencedora foi a debutante Marta María Lado, co seu relato A pita xefa.

O conto localízase nun galiñeiro onde “unha pitiña que non quere seguir o esquema de poder estabelecido revoluciona o lugar, e até aí podo contar”, explica a súa autora en conversa con Nós Diario.

Lado sempre escribiu “a nivel doméstico: monólogos, traballo, clases de teatro e así, pero nunca intentara publicar nada”. Desde que naceu a súa filla “comecei a interesarme polos contos infantís e cando vin este concurso motiveime a facer a historia”, relata a escritora. 

A pita xefa ocorréuselle a Lado “cando a miña nena comezou a aprender a dicir os animais, encántalle a pita e ao escoitala xurdiume a idea desta obra”, conta.

Foi así como non tardou nada en “crear o groso do relato. Foi máis o tempo que botei en corrixir o texto, pensar noutras versións e pedir opinión a outras persoas que o que pasei escribindo a argumento principal”.

Cando leu o comunicado, “do que tiven un aviso antes de ler o texto enteiro, non mo cría. Até que non me parei a lelo de verdade na resolución do xurado non fun consciente de que gañara, mesmo chorei un pouco”, admite Lado.

Veredicto unánime

Na súa resolución, o xurado acordou por unanimidade concederlle o premio a Lado por “axustarse estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos”.

Tamén salientaron o feito de que a obra “abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun modo lúdico, sen caer no dirixismo e tratando a rapaza con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto  a utilidade da unión e anima a loitar por un obxectivo igualitario”.

Unha das últimas características que destacan da obra é “o emprego dun galego moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca. A linguaxe é clara e está ben adaptada a primeiras lectoras e lectores”.

Como punto final, o xurado indica que é "un texto rico en imaxes que favorecerá o traballo de ilustración da obra, que dará lugar a un fermoso álbum ilustrado", conclúe.

Comentarios