Marta Dacosta protagoniza o Sermos Galiza deste sábado

Aliás, analizamos a literatura galega vencellada ao colectivo LGTBI. Non agardes máis e subscríbete!
Estas son algunhas das pezas que poderás ler este sábado en 'Sermos Galiza'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estas son algunhas das pezas que poderás ler este sábado en 'Sermos Galiza'. (Foto: Nós Diario)

Este sábado, como todas as semanas, atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que neste caso abre coa reportaxe 'Libros diversos. Literatura con Orgullo', de Tensi Xesteira.

Analizamos nesta peza algunhas propostas de obras literarias relacionadas co colectivo LGTBI e coa súa loita, así como algunhas das principais autoras e autores neste ámbito. Expoñemos tamén a importancia de que existan referentes LGTBI desde a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX).

Entrevista a Marta Dacosta

No Sermos deste sábado a xornalista Montse González entrevista Marta Dacosta, escritora e poeta galega, que presenta a súa última obra, Notas sobre a extinción (Galaxia)

Dacosta explica nas páxinas do semanario todo o que hai detrás deste novo libro de poemas, ademais de facer un repaso da súa traxectoria literaria ao longo destes anos.

Os primeiros habitantes da Galiza

Por outra parte, Raquel Besteiro asina a peza 'Vestixios dos primeiros habitantes da Galiza', na que pon a lupa no val do río Támega, que fai fronteira con Portugal, como mostra excepcional e singular de riqueza arqueolóxica prehistórica e das grandes vías de comunicación tradicionais transfronteirizas".

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belén Tajes, que trae as últimas novidades, mentres César Morán asina un artigo titulado 'Á espera de Serrat'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por O insoportábel peso dun talento descomunal, de Tom Gormican, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha peza titulada 'Esperanza esnaquizada'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Pandrama, de Afonso Becerra de Becerreá, mentres Susana Sánchez Aríns analiza Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila. Aliás, o colectivo Xea debuxa o litoral de Cangas, situado entre as rías de Vigo e Pontevedra.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios