Mariví Villaverde, cen anos do nacemento da memoria do exilio

Un premio de memoria histórica creado polo Concello de Pontevedra levará o nome da xornalista vilagarciá. Ademais, a Deputación de Pontevedra conmemorará a efeméride coa reedición da súa biografía e a estrea dun documental.
Mariví Villaverde, na illa de San Simón, no Ano da Memoria, 2006 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mariví Villaverde, na illa de San Simón, no Ano da Memoria, 2006 (Foto: Nós Diario).

Esta segunda feira fixéronse cen anos do nacemento da actriz María Casares e hoxe fanse cen desde que vira a luz a xornalista e intelectual Mariví Villaverde. Ambas as dúas, por diferentes camiños, tiveron o exilio como mapa existencial após a ruptura democrática que significou para a Galiza e o Estado español o golpe militar de 1936 e a posterior represión fascista.

Lembranza da Deputación e do Concello de Pontevedra

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que dirixe María Ortega vai conmemorar a efeméride coa reedición do seu libro Tres tempos e a esperanza e a estrea dunha peza audiovisual sobre a súa traxectoria. O acto de presentación será o 2 de decembro ás seis da tarde no Pazo Provincial. 

O Concello de Pontevedra, pola súa parte, informou que, da man da editorial Cumio, convocará para 2023 o I Premio de memoria histórica Mariví Villaverde, onde poderán presentarse obras tanto de ensaio como de narrativa, sempre coa temática da memoria histórica.

A relación de Villaverde coa súa terra foi intensa desde o seu nacemento en Vilagarcía de Arousa en 1922. Filla do primeiro alcalde republicano dese municipio e deputado nas Cortes, Elpidio Villaverde, vive de perto o traballo e a ilusión dun período histórico que tivo como momento inicial a proclamación da II República española. Ela mesma foi quen de deixar por escrito eses momentos e os posteriores na súa obra Tres tiempos y la esperanza. 

Villaverde recoñece nunha entrevista realizada por Carme Vidal en 2012 para Sermos Galiza como lle marcou  ese 1936, ao sentenciar que "agora sei que nunca vou esquecer o golpe militar". Foron cinco meses agochada coa familia de casa en casa até poder reunirse co seu pai que se salvara escapando por Portugal. 

O seu primeiro exilio, virían máis, foi en Francia onde residirá de 1936 até 1939. Pouco antes de ter que marchar cara a Bos Aires por decisión familiar, coñece o intelectual galego Ramón de Valenzuela, o que será o seu compañeiro para toda a vida. Ao chegar á capital arxentina diagnostícanlle tuberculose e está a piques de morrer. Sae adiante e continúa en contacto por carta con Ramón. 

En 1944 volve á Galiza para reunirse con el e casar en 1945. Até 1949 vive outro exilio, o "interior”, agardando un cambio político que non chega. Na súa biografía afirma que “pasado o tempo veu a desilusión porque isto continuaba e continuaba… As cousas cambiaban e Franco seguía’’. 

A decisión foi marchar á Arxentina. Alí continúan a súa actividade política e cultural en contacto con exiliados como Blanco Amor ou Laxeiro. Villaverde desenvolve a súa actividade como actriz e dirixindo, xunto con Arturo Cuadrado, o xornal Galicia, onde publica artigos co pseudónimo de “María Victoria Arealonga”. Foi o momento, tamén, das iniciativas a prol da defensa da muller emigrante na colectividade. 

En 1966 deciden volver e instálanse en Madrid. Traballa como mestra en varias academias e, co seu compañeiro, non deixa de visitar a comarca do Salnés pasando tempadas na súa casa en Sanxenxo. En 1980 queda viúva e ela continúa co que considera o seu labor “lembrar a tanta xente que foi sacrificada, é un acto de xustiza”. Non falta a un Día da Patria Galega en Compostela e recibe varias homenaxes, como o Premio Galiza Mártir. Fina en Ribadumia en 2017.

Comentarios