FRANCESC TORRES, ARTISTA

"As mariscadoras son unha especie de estandarte da preservación do equilibrio natural"


Hoxe vén de inaugurarse 'Parábola da Abundancia', unha exposición do catalán Francesc Torres e da americana Terry Berkowitz sobre o mundo das mariscadoras na Costa da Morte e nas Rías Baixas. Estes dous artistas, que teñen exposto no MOMA e moitos outros museos do mundo, quedaron cativados pola potencia simbólica desta dura actividade recolectora e ancestral. 

paraboladaabundancia
photo_camera Unha das imaxes da mostra

- Que vos chamou a atención a Terry Berkowitz e a ti do mundo das mariscadoras para crear unha exposición arredor do seu mundo?


- Todo comezou por dous conductos. Primeiro eu levo vindo aquí desde hai anos á Costa da Morte, fago fotos e empecei a fotografar as mariscadoras porque as tiña a man, ademais de porque coñezo a algunhas da vila. E, claro, é un tema fantástico para fotografar. Coñecía pouco toda a parte económica do traballo, a historia e todo isto, pero de entrada comecei a facer fotos, a ler, e os meus amigos Lino [Lema] e Chisco [Fernández Naval] íanme dando moita información. Total que chegou un momento en que tiña moito material, amoseillo a Terry e sabía que a ela lle ía interesar moitísimo unha liña de traballo totalmente autocontida e controlada por mulleres, non só no sentido da recolección senón que son elas as que xestionan o recurso, e que isto supuxera unha loita reivindicativa moi importrante a partir dos anos 80. A ela estas cousas interésanlle moito, pareceulle un gran tema, e propúxenlle que o fixeramos xuntos. Non tiñamos unha idea clara de cal era o obxectivo, que formato, se ía ser un libro ou outra cousa, pero o importante era facelo. E comezamos por conta propia, sen cobertura nin encargo previo. 

O marisqueo é un labor autosuficiente, non explotativa no sentido de que non resta recursos, senón que está en perfecto equilibrio co ciclo natural da renovación das especies.

- Como vos repartistes o traballo?


- Os dous fixemos de todo. Tanto ela como eu fixemos foto fixa e vídeo. E unha vez metidas no saco común era dos dous. E cando Lino se enterou do proxecto falounos do 40 aniversario da fundación do Museo do Pobo e gustaríanos que se expuxera daquela. E pareceunos fantástico. 

- Queredes chamar a atención sobre a fraxilidade do equilibrio ambiental da zona. 


- Hai varias cousas aí. Unha é que o marisqueo é un labor autosuficiente, non explotativa no sentido de que non resta recursos, senón que está en perfecto equilibrio co ciclo natural da renovación das especies. Pero xustamente por iso é fráxil. Mesmo a nivel visual ten unha carga simbólica tremenda. Sucede xusto no punto no que se xunta o mar e a terra, nunha fronteira tremendamente difusa. E isto pode cambiar con moita facilidade, e está a cambiar por razóns que todos coñecemos: o cambio climático, a polución... E entre todo o que está a pasar unha das cousas máis graves é a polución dos plásticos. O plástico non se desintegra e chega a desfacerse en micropartículas que nin as podes ver. E isto vai parar a toda a cadea alimentaria, que chega a nós, por suposto. É alarmante, porque calculouse que en 2050 que haberá máis plástico nos océanos que biomasa. E parecíanos que dentro desta problemática tan inminente, tan fodida, aí estaban estas señoras facendo o seu traballo, que non é que sexa feminino pero rematou sendo, porque son as mulleres as que o coparon. E son unha especie de estandarte da preservación do equilibrio natural. 

O noso ten que funcionar doutro xeito, explicar o que non se pode explicar con táboas de datos e feitos marmóreos

- Asumides que é unha actividade en proceso de extinción, ao igual que boa parte do sector primario, esteamos a falar de vacas ou de ameixas?


- Non é o único punto de conflicto, pero é moi sintomático, e ademais pódelo amosar con imaxes que son suficientemente potentes como para explicarse a si mesmas. Por outra banda, a min particularmente parecíame que desde un punto de vista estrictamente visual pero tamén coa súa carga ideolóxica poder amosar a todas estas mulleres facéndose cargo deste labor, polo que representa, que o puideran facer sen esteren tuteladas... todo cadra. 

- Falades tamén de que é unha homenaxe ás mulleres. 


- É. 

- Traballastes fundamentalmente na Costa da Morte e na Arousa.


- Si, en Panchés, Caldebarcos, Lira, Muros e Cambados. 

O que se intentou é que a exposición esperte unha certa reflexión non só sobre o marisqueo, senón o que representa se o perdemos.


- Xogades coas cores do plástico en contraposición ás cores da natureza. 


- Si, pero non é unha decisión estética. Todo o plástico que veu, quedou tal cual. Non hai nada arranxado para facelo lucir dalgunha maneira particular. Claro que hai unha certa distribución para dar idea da magnitude da cantidade de porcallada coa que temos que convivir, pero tamén sae esa configuración, que é artificial, pero quixémolo facer así para reflectir de forma máis cercana cando te encontras todo isto no entorno natural. 

- Itinerará a exposición a outros lugares?


- É un traballo que non é fácilmente exportable, sácalo de Galiza e pode parecer unha cousa exótica e moita xente non sabe nin que existe. Dentro de España, imaxina fóra, aínda máis. A razón pola que isto poida ir parar a un museo norteamericano se non é a partir dun coñecemento mínimo do que se se está a falar, non deixa de ser un exotismo que non nos interesa que se convirta na razón principal para que esta peza viaxe. 

Interésame moito máis traballar e facer arte en espazos que non son artísticos

- Enfocástelo como un traballo de investigación, non?


- Máis que un traballo de investigación é un traballo de experimentación, de "a ver que pasa". Non sei se unha investigación, pero desde logo ti tes que coñecer o suxeito que estás a tratar para facerlle un mínimo de xustiza. O que non podíamos facer é o mesmo que faría un sociólogo, para iso están os sociólogos. O noso ten que funcionar doutro xeito, explicar o que non se pode explicar con táboas de datos e feitos marmóreos. O que se intentou é que a exposición esperte unha certa reflexión non só sobre o marisqueo, senón o que representa se o perdemos. E se o perdemos, o porqué. Non é unicamente unha anécdota moi concreta, moi localizada, que se utiliza como unha metáfora para algo moito máis grande e máis extendido, pero que ten que funcionar máis no terreo máis emocional que no terreo dos feitos consumados. Ten que emocionar. Se o fixemos ben tería que emocionar. Se non emociona, malo. 

- E que supón para vós, artistas contemporáneos, expoñer nun museo etnográfico?


- Un museo de etnografía, isto tivémolo claro, ten un tipo de público distinto. Non é que foramos baixar o listón, nin moitísimo menos, pero tes que ter en conta cal vai ser a túa audiencia, sen dar nada dixerido nin destacado, pero ten que haber un contacto fácil. Isto seguramente que nun museo de arte contemporánea xa non o teriamos feito, e nun museo de etnografía, que a min me interesa máis que un de arte contemporánea [risos]. Interésame moito máis traballar e facer arte en espazos que non son artísticos. Se traballas nun museo contemporáneo sabes cales son os códigos e o que tes que facer, hai moi pouco que aprender, en cambio cando cambias de rexistro e ti mesmo te pos fóra da contorna que che é familiar, fas as cousas doutra maneira e, consecuentemente, o que sae é distinto do que farías normalmente. 

Comentarios