Marisa Sobrino demite do padroado dun CGAC que ve “á deriva”

Poucos días despois de ser coñecido o nome do novo director, Santiago Olmo, a profesora e estudosa da arte Marisa Sobrino demite como vogal do padroado dun CGAC en deterioro ademais de acusar o proceso de “opaco e partidista”. 

marisasobrino
photo_camera marisasobrino

A profesora Mª Luísa Sobrino abandona o padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) poucos días despois de se coñecer o nome do que será seu novo director, Santiago Olmo e sen que se respostasen as alegacións presentadas polos dous finalistas galegos ao proceso de selección. Na súa dura despedida, publicada no seu facebook persoal, a profesora e investigadora na historia da arte galega, non dubida en verter duras acusacións sobre o deterioro do centro e o abandono e control por parte da administración. 

“O paulatino desgaste que vén sufrindo e a minusvaloración dun dos órganos que velan polo seu impulso como é o seu Padroado, a opaca e partidista xestión no proceso de elección do novo director do centro, baixo unha simulada aparencia normativa de boas prácticas, así o demostran”, explica a profesora Sobrino no escrito no que explica a súa renuncia. 

Prexudicado pola "arte-espectáculo" da Cidade da Cultura

“Non vos fagades ilusións, o CGAC estase a diluír como centro innovador de exposicións, de investigación e de actividade cultural. A intención de quen o goberna é instalalo nunha deriva cara á súa invisibilidade e a súa desaparición”, comeza Sobrino na súa despedida na que anuncia que renuncia a seguir ocupando o posto de vogal do padroado, no que está desde 2005, dun centro que, segundo lembra, chegou a ser “espazo referencial”. “Perdeu a súa identidade, converteuse nunha institución cada vez máis pobre, máis desatendida e sen ningunha autonomía cara á súa propia administración, á que se suma a forte inxerencia coa que é manexado polos dirixentes culturais que o cren casa propia”, denuncia, reprochando tamén que o CGAC está a sufrir a decisión da Xunta de privilexiar unha Cidade da Cultura “máis ostentosa de arte-espectáculo”. 

Comentarios